A creatividade e a innovación
Hoxe queremos celebrar con vós o Día Internacional da Creatividade e da Innovación escribindo un artigo para o noso blog sobre cómo nós o entendemos.
Cada un de nós ten un amigo ao que considera creativo e innovador, que está sempre buscando e sacando novas e brillantes ideas de cousas que, para nós, son do máis normais e cotiás e que na vida se nos ocorrerían. É normal oír dicir “ese/esa é creativo/a” ou que alguén se autocalifica como non creativo. Asumimos que existen persoas que teñen esa capacidade por natureza mentres que outros simplemente non, cómo se as primeiras tiveran un toque divino que lles outorga ese don.
En DesignThinking.gal pensamos que todos somos creativos e non cremos que a creatividade sexa unha habilidade reservada a uns poucos. Por iso, para demostrar o noso pensamento queremos compartir o razoamento con vós.
Podemos comezar por falar da súa explicación máis biolóxica e de que como a educación xera dita percepción.
Vivimos nunha sociedade na que a educación está baseada no desenvolvemento das capacidades máis organizativas e estruturadas, na razón fronte á emoción e no pensamento racional. A educación está centrada en traballar este tipo de pensamento e o seu desenvolvemento é moito maior que as actividades baseadas nas emocións e o pensamento artístico. É por todo isto que, por norma xeral, o hemisferio esquerdo do cerebro, encargado desas tarefas máis racionais e estruturadas predomina sobre o hemisferio dereito, encargado dese pensamento máis anárquico e creativo, estando deste xeito menos desenvolto.
Desta análise sinxela baseada na nosa educación, pódese concluír que esa diferenza entre xente chamada creativa e a non creativa está fundada simplemente no traballo e adestramento desas capacidades. É dicir, podemos considerar que a creatividade pode ser exercitada e consecuentemente mellorada.
Un destes factores clave é a confianza. A confianza en nós mesmos vai vir determinada polas circunstancias e experiencias persoais vividas ao longo dos anos.
Comezarei por poñer un exemplo moi familiar a cada un de nós. Existen moitas formas de facer rir, pero unha das máis tradicionais é unha caída ou pequeno accidente involuntario dunha persoa da que todos os presentes rin. Pois nesa situación existen dúas maneiras de reaccionar para a persoa da que todos rin, sentirse avergoñado ou ben levantarse e seguir como se non pasase nada. Moitas veces unha risa dunha persoa supón unha humillación doutra, dependendo de cómo a tomemos persoalmente. Agora, tan so imaxinade que cambiamos o escenario e esa persoa leva unha bola vermella de goma no seu nariz e uns zapatos enormes, que pensades? Nada cambiou, tan só que a persoa que caeu leva un escudo protector a modo de disfrace de paiaso que a protexe das críticas do exterior e non a vai condicionar nas súas accións futuras.
De xeito similar, imaxinade agora unha escola de primaria na que un neno debuxa algo diferente ao que a súa mestra lle pediu, que a mestra lle rifa e que o resto dos nenos da clase rin del por este motivo. Nembargante cando miramos o que o neno debuxou, podemos ver que era moito mellor do que a mestra lle pedira. Como creedes que se sentiría ese neno?
Estas pequenas experiencias que a todos nos resultan algo normal, cando son repetidas de diferentes maneiras ao longo dos anos, especialmente durante a nosa xuventude, van minando a nosa confianza e provocando que cada vez tomemos menos riscos nas nosas accións e decisións. Evitamos expoñernos á opinión doutros simplemente non participando ou non dicindo aquilo que pensamos por medo a ser xulgados e sentir esa vergoña que tantas veces tivemos que pasar.
Todo isto provoca que perdamos esa confianza en nós mesmos, en crear, en afrontar os problemas de maneira diferente, en intentar facer cousas novas, en saírse do socialmente correcto e en último termo, en perder esa espontaneidade que moitos chaman creatividade.
En Designthinking.gal queremos axudar a recuperar esa confianza e traballar o hemisferio dereito do cerebro para recuperar esa creatividade que todos temos e acender esa chispa que marca a diferenza entre un traballo bo e un traballo brillante.
Porque a creatividade é a base da innovación, porque esas novas ideas que van a situar á nosa empresa un chanzo por riba da nosa competencia, van xurdir dun pensamento creativo, van nacer de mentes libres de cargas, procedementos e prexuízos. Se queremos innovar primeiro temos que pensar de maneira creativa. Aquí si que non poderemos aplicar a propiedade conmutativa, como din os teóricos: “pódese ser creativo e non ser innovador, pero non se pode ser innovador sen antes ser creativo”.
Propoñémosvos a todos que celebredes connosco o Día da Creatividade e da Innovación facendo algo que normalmente non facedes
Pingback : Propósito de ano novo: fomentar a CREATIVIDADE | designthinking.gal
Pingback : Como hackear o noso cerebro. Creatividade | designthinking.gal