fregona manuel jalon
17
Xuñ

A fregona, o máis práctico dos inventos españois do século XX (1956), segue a estar de actualidade

A solución estivera sempre diante e ninguén se decatara!

Esta é a noticia publicada nun diario: Recentemente saíu a poxa a fregona orixinal. «Lin en La Voz que subastaban a fregona orixinal e non o dubidei».

O empresario galego José Manuel Irago consegue por 500 euros un dos primeiros revolucionarios «lava chans», que creou en 1956 o inventor Manuel Jalón.

A Manuel Jalón Corominas  poucas persoas o relacionaran co inventor da fregona. Tiven a oportunidade de coñecelo na súa faceta de docente e relator na Universidade de Santiago de Compostela na materia de creatividade industrial, pero estou seguro de que unha das facetas que o facía sentirse máis orgulloso é a de empresario humanista, xa que ao enxeñeiro Manuel Jalón debémoslle a invención da fregona, aínda que no seu currículo ten ademais outras patentes moi importantes, como as innovacións que realizou na xiringa desbotable e outras de uso industrial.

Natural de Logroño (A Rioxa, 1925-2011), pasou a maior parte da súa vida en Zaragoza, cidade da que foi nomeado fillo adoptivo en 1992, aínda que previamente viviu en Estados Unidos e en Finlandia, onde traballou despois de obter o título de enxeñaría aeronáutica en Madrid e de escribir a súa tese de doutoramento sobre accidentes de aviación. A Zaragoza chegou para traballar na base aérea, pero axiña cambiou o seu rumbo laboral e en 1958 creou a empresa de fregonas aragonesa Manufacturas Rodex e outra de exportación de xiringas desbotables, Faber Sánitas, da que foi director.

Jalón puxo á venda as fregonas de uso doméstico e industriais para grandes superficies, que exportou a máis de trinta países. Este invento «levantaría do chan a muller española» e erradicaría «as enfermidades que afectaban aos xeonllos, as mans e a columna vertebral das profesionais da limpeza» (para saber máis sobre a biografía deste inventor poden acudir á esta web).

A autoría deste invento disputouna con Manuel Bellvis González, pero finalmente unha sentenza da Audiencia Provincial de Zaragoza ratificou en abril do 2009 que o invento da fregona lle correspondía a Manuel Jalón en virtude da patente número 298.240.

Leave a Reply