analitica web
26
Xuñ

A importancia da medición para as marcas

Hoxe en día estamos rodeados de datos por todas partes no universo dixital, máis se cabe se falamos de marcas. Temos acceso a datos do noso Facebook, do noso Twitter, da páxina web…e todos eles dannos unha información moi valiosa… se sabemos interpretala!

En numerosos post falámosvos de diferentes técnicas de investigación para analizar ao usuario ou recoller información. Esas mesmas técnicas tamén nos poden servir para a fase de testeo, comprobando así se a nosa proposta cumpre os obxectivos que nos propuxemos e satisfai as necesidades do consumidor. E igual de importante é analizar a nosa páxina web, as nosas campañas de publicidade Facebook, etc. En marketing dixital a medición é algo moi importante que nos vai axudar a ver se cumprimos cos nosos obxectivos: estamos a chegar ao noso target, o noso contido é interesante, a campaña publicitaria recibiu interaccións…

No mundo offline, como comentabamos, hai moitas técnicas que podemos utilizar para obter esa información: desde enquisas a nivel macro e obtendo datos cuantitativos, a entrevistas en profundidade ou grupos de discusión entre outros. Pero hoxe en día dispoñemos doutro mundo que tamén nos achega unha gran cantidade de información, e de forma en moitos casos totalmente gratuíta, o mundo online. A este nivel podemos conseguir información sobre:

-Palabras clave que o usuario utiliza para atopar a nosa web

-Xeolocalización dos nosos visitantes

-Partes da web que interesan máis

-Perfil dos nosos visitantes (xénero, idade, etc.)

-O que opinan de nós (Facebook, Twitter, Google…)

-Etc.

E todo isto coñécese como analítica web, que consiste na recolección, medición, análise e reporte dos datos que se extraen da navegación dos usuarios a través dun sitio web, coa intención de comprender e/ou optimizar un obxectivo que nos propuxeramos.

Por que necesitas medir o teu blogue (e a túa web)

blog palabras clave

Somos moitas as empresas que temos un blogue no que colgamos información sobre os proxectos que facemos, contido interesante relacionado co noso traballo ou doutro tipo. Pero escribir por escribir, en temas de negocio, non é o máis rendible; por moito que nos guste escribir (que nos gusta moito!) facémolo para atraer novos clientes, para mellorar o posicionamento da nosa web en Google, para fidelizar clientes… todo dependerá do obxectivo que teñamos co noso blogue, pero un obxectivo ten seguro!

Para medilo hai moitas ferramentas pero se hai unha moi coñecida no mundo enteiro é Google Analytics, que nos vai dar unha cantidade inxente de información, xa non só sobre o noso blogue, senón sobre a nosa web a nivel global: como é o perfil da xente que nos visita, que páxinas da nosa web se visitan máis, como navegan os usuarios pola nosa web, canto tempo pasan nela e moito máis.

En relación ao blogue concretamente algunhas das métricas máis interesantes a ter en conta (Rodríguez, 2015) son as seguintes: número de visitantes únicos, número de comentarios, número de post compartidos, tempo de permanencia no sitio, número de subscritores ao newsletter ou porcentaxe de novas visitas.

Por que necesitas medir as túas Redes Sociais

analitica redes sociales

Á analítica web úneselle a analítica social que mide o alcance da marca, a influencia, a reputación e o engagement nas redes sociais. Para as marcas é case obrigado ter presenza nas redes sociais, xa que é aí onde se atopan os seus consumidores ou usuarios e onde poden establecer conversacións con eles. Pero de igual modo que escribimos no noso blogue cun obxectivo tamén debemos utilizar as redes sociais cun propósito ou cunha estratexia detrás: xerar engagement cos nosos seguidores, incrementar a notoriedade da marca, fidelizar clientes… E de novo debemos medir os nosos obxectivos, para saber se realmente estámolos a conseguir ou debemos seguir traballando para alcanzalos.

Existen numerosas métricas que poderiamos analizar, para Rodríguez (2015) algunhas das que teriamos que avaliar e considerar cando facemos analítica social son:

Facebook:

  • Número de fans
  • Cociente de crecemento de fans
  • Número de «gústame»
  • Vistas de imaxes e vídeos
  • Leads xerados

Twitter:

  • Número de seguidores
  • Número de tweets
  • Número de retweets
  • Mencións

Youtube:

  • Número de subscritores á canle
  • Número de vídeos publicados
  • Número de vistas dun vídeo
  • Número de minutos de visualización
  •  Número de vídeos compartidos

Instagram:

  • Numero de post publicados
  • Número de seguidores
  • Número de gústame en publicacións

Pinterest:

  • Número de seguidores
  • Alcance das publicacións
  • Número de «repines»
  • Número de clics nas publicacións

E vós medides a vosa web e redes sociais? Tanto se é así como se non e queredes descubrir como debemos medir os nosos obxectivos e que ferramentas poden axudarnos non te perdas a segunda parte deste post 😉

 

Referencias bibliográficas:

Rodríguez Fernández, O. (2015). Curso de Comunity Manager. Madrid: Anaya Multimedia.

Rodríguez Fernández, O. (2011). Conviértete en experto en social media Community Manager. Gurú Express. Madrid: Anaya Multimedia.

1 Response

  1. Pingback : Ferramentas de analítica web e social | designthinking.gal

Leave a Reply