A NOSA HISTORIA É A GRAN PROTAGONISTA
¿Quen non quedou abraiado escoitando unha historia? ¿Quen non lembra a capacidade que temos dende nenos de emocionarnos cos contos e coas historias que nos recitaban nosos pais? O storytelling, a arte de contar historias dende a emoción e para emocionar, non é algo novo nin un invento do márketing. É algo que existe dende tempos remotos e que lle serviu á humanidade para poder transmitir información ó longo dos séculos.
¿Como non van seguir sendo útiles as historias hoxe en día?
Todas as persoas aman as historias, e con máis razón se conectan emocionalmente con elas. Cando lancemos a nosa marca, produto ou servizo cómpre escribir unha historia interesante, divertida ou emocionante porque isto axudará a desencadear unha resposta emocional no comprador ou cliente. O que subxace no fondo do storytelling non é máis que a capacidade de poder xerar emocións para conectar coas persoas.
A arte de vender emocións axuda a calquera vendedor, empresa ou organización a tomar vantaxe. A través do Storytelling logramos unha conexión emocional entre o cliente e o produto, e entre o cliente e ti mesmo, porque a historia do que ti ofreces tamén é a túa historia. Pero esta arte de vender emocións vai máis alá de conseguir diplomas ou certificados como vendedor; é un talento que podemos cultivar e aproveitar para chegar mellor ós nosos clientes. Velaquí algunhas claves:
1.- Aprende a escoitar, ponte ó carón do cliente, murmúralle ó oído quen es coas palabras que usarías nunha conversa, vende emocións xunto co produto, marca ou servizo que lle ofreces e con el vende tamén a túa imaxe. Fai unha demostración do entusiasmo e da paixón que levas dentro, isto non fará que te convertas en menos profesional, porque as palabras emocionais fan conexións emocionais.
2.- As historias venden, transmiten calor e enerxía. Pero é necesario facer unha boa combinación destas dúas forzas para emocionar o cliente. Ademais, nunca esquezas un sorriso e unha imaxe que apoie a túa historia…..
3.- Explica as túas orixes, de onde vés. Igual que nas culturas antigas e aínda actualmente os contos axudan a transmitir a esencias das nosas orixes, as historias das orixes corporativas porán ante os ollos do cliente a nosa verdade, de onde vimos e por que decidimos ofrecerlle a nosa marca, produto ou servizo.
4.- Achégalle ao cliente a identidade da túa organización, marca ou produto, tanto dos individuos que a formades como do equipo de traballo que lograstes reunir. A historia que contedes ten que explicar as relacións que se establecen entre os membros da túa marca ou organización, porque isto axudará a que o cliente tome conciencia do grupo.
5.- Simplifica as historias, ofrece as liñas mestras de quen es, de como é a túa empresa, produto ou servizo. Ao longo dos séculos, as lendas converteron temas complexos en contos fáciles de entender por todos; fai ti o mesmo.
6.- Ilustra a túa historia con imaxes, vídeos, sons… que reforcen a túa autoridade. Ten en conta que o cliente espera que lle ofrezas a mellor marca, produto ou servizo posible. Polo tanto, para que se sinta orgulloso do que lle ofreces, debes estalo ti antes.
Se queres que os teus clientes coñezan a túa marca, produto ou servizo, dálles unha parte de ti no que lles ofreces, cóntalles a túa historia.