A verdadeira historia do Design Thinking
Despois do boom experimentado pola metodoloxía do Design Thinking nos últimos anos e de toda a información publicada sobre ela en internet, cada vez son máis os usuarios que coñecen de que se trata. Porén, se buscamos pola orixe do Design Thinking, como se orixinou o seu nome ou onde se empregou por vez primeira, hai moitas discrepancias ao respecto, neste post pretendemos chegar ó insight de todo isto.
A orixe do Design Thinking
Edificio da Bauhaus, fonte Index Grafik
Como xa sabedes, o Design Thinking é unha metodoloxía que se centra nas persoas e que emprega ferramentas do ámbito do deseño para a resolución de problemas complexos. Pois ben, aínda que a versión curta di que o Design Thinking se deu a coñecer en 2008 coa publicación do artigo de Tim Brown no Harvard Business review, as bases desta metodoloxía veñen de moito máis atrás, en concreto do 1919.
Por aquel entón e tras rematar a primeira guerra mundial, o arquitecto alemán Walter Gropius decide fusionar a Escola Superior de Belas Artes e a Escola de Artes e Oficios de Weimar, das que era o director, nunha nova: a escola de artesanía, deseño, arte e arquitectura da Bauhaus.
Nesta escola non só se definiu a profesión do Deseñador de Produto, senón que se estableceron moitas das dinámicas que hoxe en día se empregan nun proceso de Design Thinking, como o traballo en equipo, a eliminación das xerarquías no proceso de innovación ou o enfoque do proxecto nas necesidades do usuario.
Da Bauhaus ó deseño nórdico
Póster orixinal da Stockholm Exhibition, fonte CloudBerryLiving
En 1930, tres anos antes do peche definitivo da Bauhaus, tivo lugar outro feito que suporía un cambio moi significativo no mundo do deseño, The Stockholm Exhibition, unha exposición sobre artes, oficios, mobiliario e arquitectura a cal tiña por claim “cousas belas que fan a túa vida mellor”. Alí confluíron as ideas da Bauhaus coas correntes artísticas do período de entreguerras, dando lugar a deseños que, mantendo a funcionalidade, exploraban o lado emocional do usuario.
Isto xurdiu da necesidade que tiñan os nórdicos de xerar nas casas espazos alegres e confortables nos que pasar longas horas, debido fundamentalmente ó clima e ás condicións de luz. Ditos condicionantes do entorno, fixeron que os nórdicos tomaran o deseño como unha ferramenta de resolución de problemas complexos, que lles permitira optimizar os recursos dispoñibles para mellorar a súa calidade de vida e o seu benestar, tanto a nivel económico, como social ou cultural. Así é como toma forma o coñecido deseño escandinavo cooperativo, onde participan todas as partes implicadas no problema ou necesidade a resolver e onde o deseñador actúa como facilitador do proceso. Esta nova forma de resolver problemas ía moito máis aló dos produtos e introducíase no deseño de servizos ou en ámbitos como o político, o educativo ou o social, empregando métodos como a investigación etnográfica, unha das bases do Design Thinking.
De Europa a Estados Unidos
Debido ó crecemento do nazismo en Alemaña, moitos dos referentes no mundo do deseño e a arquitectura como Walter Gropius ou Mies van der Rohe víronse obrigados a marchar de Europa con destino Estados Unidos, onde transmitiron a visión e a forma de traballar da Bauhaus. Mies van der Rohe foi director na terceira etapa da Bauhais, icona da arquitectura moderna e autor de famosas frases como “menos é máis” ou “Deus está nos detalles”.
Aínda que as teses da Bauhaus chegaron nos anos 30 a Estados Unidos, o deseño nórdico non se coñecería ata os anos 50, concretamente no 1954, cando unha exposición co nome “deseño escandinavo” percorreu Estados Unidos, o que permitiu dar a coñecer a nivel mundial a estética e as teses do deseño cooperativo.
Exposición “Deseño escandinavo”. Fonte dmlights
Durante a Segunda Guerra Mundial o desenvolvemento científico e tecnolóxico foi enorme, isto posibilitou a aparición de novos materiais e máquinas, como os ordenadores, que transformaron a sociedade a todos os niveis. Ó rematar a mesma, Estados Unidos comeza unha época de crecemento económico baseada en gran medida na súa industria, a cal apostou por reducir custos e introducir o plástico como material de referencia, isto favoreceu a democratización de moitos produtos, que ata ese momento so eran accesibles ás clases altas da sociedade americana, e polo tanto unha mellora na calidade de vida.
Design Science
Coa aparición dos ordenadores, a forma de deseñar tivo que evolucionar para crear novos tipos de interaccións e aplicacións que ata a época eran totalmente descoñecidas.
Isto por un lado leva a incorporar definitivamente ó proceso de deseño as ciencias sociais, como a psicoloxía e a antropoloxía (algo que xa introducira o deseño nórdico), para analizar o comportamento das persoas na interacción con esa nova tecnoloxía.
Por outro lado é necesario obter novas aplicacións tras o gran desenvolvemento científico e tecnolóxico. Aquí destaca o traballo realizado por Buckminster Fuller, quen estableceu equipos de traballo multidisciplinares entre enxeñeiros, deseñadores industriais, científicos de materiais e químicos e “cientificou” o proceso de deseño, desenvolvendo métodos sistemáticos para avaliar e resolver os problemas da humanidade.
Cúpula xeodésica. Revista Time
Fuller, inventor da cúpula xeodésica, tiña unha visión integral dos proxectos, sendo un dos primeiros activistas medioambientais e introducindo conceptos como desenvolvemento sostible ou eficiencia enerxética. Segundo as súas propias palabras:
“Un deseñador é unha síntese emerxente de artista, inventor, mecánico, economista obxectivo e estratega evolutivo”.
En 1959 Fuller deseñou a cúpula xeodésica para a Exposición Norteamericana de Moscova, onde colaborou con outros referentes da época como Charles & Ray Eames, os cales fixeron o deseño da exposición.
Charles & Ray Eames, cuxo mobiliario se converteu nunha icona do século XX, tamén desenvolveron un gran traballo conectando deseño e ciencia, tanto pola súa investigación con novos materiais como polos seus proxectos de didáctica da física, as matemáticas ou a computación, os cales seguen sendo todo un referente.
Familia Eames nun dos seus proxectos. Fonte The architect’s journal
Esta corrente na que o deseño e a ciencia ían da man, tamén tivo presenza en Europa, onde o seu máximo expoñente foi a escola de Ulm en Alemaña (1953-1968), concibida para axudar á reconstrución do país despois da Segunda Guerra Mundial. Nesta escola, que integraba no seu programa as ciencias sociais, a antropoloxía, as matemáticas, a computación ou a ciencia, considérase que naceu o que hoxe en día coñecemos como metodoloxía do deseño.
Da metodoloxía do Deseño ao Design Thinking
O paso da metodoloxía do Deseño ao Design Thinking non se pode entender sen a figura de John Arnold, Psicólogo e Enxeñeiro Mecánico, e o programa de verán do MIT organizado por el mesmo en 1956.
Nese programa coincidiron Buckminister Fuller co seu concepto de deseño científico, a técnica do brainstorming de Alex Osborn e W. J. Gordon coa metodoloxía denominada Creatividade Operacional, onde falou da súa teoría da sinéctica e o que hoxe coñecemos como os insights. Trala realización deste programa e a visita dun grupo de deseñadores de produto europeos, John Arnold chegou á conclusión de que os deseñadores americanos necesitaban mellorar as súas capacidades técnicas en ámbitos como a creatividade ou a enxeñaría. Así, en 1957, xunto a Fuller e Gordon, levan a cabo en Boston un curso co título de “Processes for Design Problem Solving”.
John Arnold. Fonte: RWTH AACHEN University
A partir de aquí comeza unha época onde o proceso de deseño evoluciona cara unha metodoloxía moito máis completa, integrando tanto técnicas de creatividade como de research, análise ou planificación. Con isto a figura dos deseñadores crece, comezando a xerar interese como xeradores de estratexias e non só de produtos.
En 1957 John Arnold deixa o MIT e chega á Universidade de Stanford, onde funda a Design Division of the Mechanical Engineering Department. Para este departamento ficha a Bob McKim, enxeñeiro, deseñador industrial, apaixonado da psicoloxía experimental e a quen se lle atribúe o concepto de deseño centrado nas persoas.
Tras o falecemento de John Arnold en 1963, McKim ocupa o seu lugar e xunto a Matt Kahn, do departamento de Arte, desenvolven a mediados dos 60 o Joint Program in Design, onde continúan a liña trazada por John Arnold.
David Kelley. Fonte: Ideo
Unha década despois de comezar o JPD, concretamente en 1977, David Kelley, un enxeñeiro eléctrico de Ohio que traballara para Boeing ou NCR, matriculouse como alumno no programa. O seu profesor Bob McKim fixouse nel e ó ano seguinte incorporouno ó seu departamento. Despois de 13 anos dando clase en Stanford, David obtivo a praza de profesor titular e ó ano seguinte, en 1991, fundou IDEO en Palo Alto, California.
O principal valor de IDEO, ademais de recoller todo o coñecemento anterior desde Bauhaus ata McKim, pasando polo deseño escandinavo, o deseño científico ou a escola de ULM, foi que comezou a traballar con verdadeiros equipos multidisciplinares. Nas súas oficinas contaban con profesionais de ámbitos moi diferentes como avogados, médicos, enxeñeiros ou profesores, que desenvolvían proxectos do máis diverso.
Ata entón os equipos multidisciplinares concibíanse en compartimentos máis estancos como na industria ou na ciencia, non dunha forma transversal. Este cambio significativo na maneira de traballar foi o último paso para elevar a metodoloxía do deseño ó seu punto máis alto e ao que hoxe en día coñecemos como Design Thinking.
Como se orixinou o termo Design Thinking
En 2004 David Kelley funda a D.school en Stanford e revoluciona a forma de ensinar en dita universidade, mesturando profesores e alumnos de diferentes especialidades para desenvolver proxectos, ao espello do que estaba sucedendo en IDEO.
Equipos de traballo. Fonte: D.school
Alí na D.school naceu o termo Design Thinking, pero o máis curioso de toda esta historia é como xurdiu, algo que explica David Kelley nunha entrevista para Swinburne University of Technology, Australia.
David comenta que os seus alumnos na D.school se queixaban polas dificultades de atopar traballo, xa que non eran expertos en nada e non atraían a atención das empresas. Despois de varios anos transmitíndolles que eran expertos en metodoloxía do deseño e non solucionar o problema, un ano comezou a dicirlles que eran expertos nun xeito de pensar, algo que derivou cara o termo Design Thinking, o cal causou moito máis impacto nos alumnos e empresas.
A partir de aquí Tim Brown, o CEO de IDEO, escribiu un artigo no ano 2008 para o Harvard Business Review onde definía o Design Thinking e en 2009 publícase o libro Change by Design, algo que fixo mundialmente famoso o termo e a metodoloxía que hai detrás.
Libro Change by Design. Fonte: Ideo
En conclusión podería dicirse que o Design Thinking é a suma das achegas de moitos profesionais adiantados ó seu tempo en multitude de ámbitos, os cales confluíron dando lugar a unha metodoloxía óptima para a resolución de problemas complexos que evolucionou da man da industria, a ciencia, a tecnoloxía e a sociedade.
Desde a Bauhaus ata o Design Thinking pasaron case cen anos e nos próximos cen non sabemos a que punto chegará a metodoloxía, o que si sabemos é que teremos que afrontar problemáticas complexas e que a creatividade, a multidisciplinariedade e o traballo en equipo serán as ferramentas chave, pero iso xa é outra historia 😉
Pingback : O Design Thinking na industria 4.0 I | designthinking.gal