Burnout, desconectar en vacacións e unha pandemia que non termina
Agora que estamos en pleno verán seguro que moitos ansiades que chegue o momento das vacacións para desconectar do traballo, onde cambiamos as pantallas dos computadores por toallas de praia, os traxes de chaqueta por bañadores, bikinis e chanclas, o reloxo queda na casa e no seu lugar levámonos un libriño para relaxarnos mentres gozamos do sol e da auga. E se cando pensamos en todo isto sentimos alivio… seguramente sexa porque levemos un ritmo de traballo que poida que nos estea provocando burnout ou a síndrome de estar queimado polo traballo.
Que é o burnout?
Non é nada novo, xa que o termo ten orixe en 1974 cando Freudenberger o intrduciu ao observar as consecuencias que tiña para algunhas persoas o traballo como voluntarios con toxicómanos. Deuse conta que tras un tempo realizando ese traballo algunhas persoas perdían enerxía, terminaban esgotadas, sufrían desmotivación polo seu traballo, mostrábanse menos sensibles e comprensivas no seu traballo e volvíanse máis agresivas no trato coas persoas. Así a definición desta síndrome sería a sensación de esgotamento, frustración e perda de interese polo traballo, que xorde especialmente entre aquelas persoas dedicadas aos servizos, con contacto diario con outras persoas (Ortega e López, 2003).
Pero, que é o que nos queima? Pois entre as variables organizacionais que se viron involucradas na aparición desta síndrome atopamos (Ortega e López, 2003):
-O clima organizacional e benestar laboral. Canto máis positivo é o clima laboral, o benestar e a satisfacción laboral menor é a tensión que os suxeitos perciben no traballo.
-O grao de autonomía dos traballadores. Nos traballos que dependen doutras persoas, e por tanto o traballador ten pouca capacidade de toma de decisións, viuse que pode ser un antecedente para desenvolver esta síndrome.
-A ambigüidade do posto de traballo. Enténdese como a incerteza entre as esixencias do propio traballo e os métodos cos que debe ser executado, a maior incerteza maior probabilidade de desenvolvemento de burnout.
-A falta de reciprocidade. Trátase da sensación de non ser recompensado como se merece ou que se dá máis do que dan por ti.
-Outros aspectos relacionados coa loxística: o número de horas de traballo, tipo de contrato e tipo de servizo. Por exemplo viuse que sofren un maior grao de desgaste aqueles profesionais que pasan un maior número de horas no traballo, cun contrato eventual ou cambiante e aqueles que ofrecen servizos relacionados coa saúde das persoas.
Os síntomas do burnout
Os estudos evidenciaron que os síntomas que provoca o estar queimado no traballo danse en tres esferas: física, psicolóxica e o propio ámbito laboral (Ortega e López, 2003):
-Saúde física: hipertensión, enfermidade coronaria, fatiga crónica, cefaleas e hemicrania, alteracións gastrointestinais, asma, alteracións do soño, alteracións na pel, disfuncións sexuais e dores musculares ou articulatorios.
-Saúde psicolóxica: ansiedade, depresión, irritabilidade, disforia, baixa autoestima, falta de motivación, baixa satisfacción laboral, dificultades de concentración, distanciamento emocional, sentimentos de frustración profesional e desexos de abandonar o traballo.
-Ámbito laboral: absentismo, abuso de drogas, aumento de condutas violentas, condución temeraria, ludopatía, alteracións da conduta alimentaria, diminución de produtividade, falta de competencia e deterioración da calidade de servizo da organización.
Estas 3 esferas relaciónanse entre elas, de tal modo que o malestar que en orixe centrábase no ámbito laboral acaba por transferirse ao persoal e social, debilitando á persoa en todas as esferas da súa vida.
Burnout e unha pandemia
A pandemia do Covid-19 non fixo máis que incrementar os casos de burnout, afectando ao 75% dos empregados que teletraballaron por mor da pandemia ( Cigna, 2020). As razóns deste incremento son múltiples: unha fugaz transformación dixital, a inestabilidade económica que xera incerteza e medo a perder o traballo, incerteza tamén sobre a saúde dun mesmo e as súas persoas queridas, medo a contaxiarse na contorna laboral, converter o fogar no lugar de traballo e, especialmente, a falta de desconexión derivada dun cambio cara ao modelo de teletraballo apresurado e sen meditación. Isto xerou unha enorme tensión entre os traballadores que tiveron que adaptarse a esta nova forma de traballo da noite para a mañá e que, ademais, non poden desconectar xa que o seu lugar de traballo é o seu propio fogar, o seu computador e, en moitos casos, o seu teléfono persoal.
A todo isto debemos engadir o factor cultural da nosa sociedade, onde se valora o éxito por encima de case calquera cousa, de tal modo que por unha banda se lanzan mensaxes de flexibilidade laboral, conciliación, desconectar… mentres que por outro se castiga ou critica o perder o tempo, non ser produtivo as 24 horas do día ou se presiona para incrementar a produtividade e a competitividade custe o que custe.
O resultado de todo isto é un cóctel explosivo que termina por queimar aos traballadores no mellor dos casos, no peor caen en depresión e/ou abandonan o traballo.
Como evitar o burnout desde a empresa
Dado todo o anterior é primordial que as empresas emprendan accións para previr que os seus traballadores cheguen a queimarse, xa non só por unha cuestión de calidade humana, senón porque tamén vai repercutir na produtividade da propia empresa. Entre as accións que se poden poñer en marcha atópanse as seguintes:
-Incrementar a comunicación. A todos os niveis e por distintas canles, tamén é importante dar opción a feedback por parte dos traballadores para que se sintan escoitados. Incluír actividades de lecer entre os traballadores ou team building pode ser unha boa idea para evitar a soidade no posto de traballo e xerar sentimento de comunidade.
-Claridade nos obxectivos. A incerteza é un problema e a ambigüidade do posto de traballo outro, canto máis claros sexamos nos obxectivos e como conseguilos maior benestar xeraremos entre os traballadores.
-Lanzar mensaxes sobre o benestar. Non só a nivel teórico, senón levándoo á práctica, é dicir, que os traballadores poidan collerse as vacacións sen sentirse culpables por abandonar o seu posto de traballo, ou que poidan tomarse un descanso para tomar un café no medio dunha xornada intensa sen as miradas xulgadoras dos compañeiros.
-En liña co anterior, fomentar a desconexión laboral, por exemplo con correos electrónicos e teléfonos de empresa que se desconectan ao terminar a xornada laboral.
-Implementar a flexibilidade laboral para reducir o estrés e a tensión que pode xerar a falta de conciliación coa vida persoal.
-Promover os resultados e non as horas. Botar máis horas non significa ser máis produtivo, por iso os premios, os recoñecementos, as valoracións e os eloxios deberían ir orientados aos resultados.
Estas accións relaciónanse directamente co que os propios traballadores buscan das súas empresas (Cigna, 2020), que non é outra cousa que maior flexibilidade horaria, unha semana laboral concentrada en menos días, maior seguridade laboral e ter a posibilidade de teletraballar.
E se xa estou queimado/a que podo facer?
O primeiro de todo, se te atopas moi mal e non sabes que facer para saír deste estado, pedir axuda a profesionais da psicoloxía que che poidan orientar nese proceso. Pero se o que sintes é que empezas a caer nese estado e non queres que vaia a máis hai algunhas accións que podes levar a cabo para evitar que empeore a situación:
-Establecer unha carga de traballo obxectivamente. A todos gustaríanos facer máis do que facemos, pero cada tarefa esixe uns tempos e unhas capacidades e debemos ser conscientes diso. Cargarnos cun exceso de traballo só nos causará máis tensión e esgotamento no noso traballo.
-En relación co punto anterior: pedir axuda. Comunica o teu estado de saturación e fala cos teus compañeiros e xefes sobre as distintas posibilidades que hai para diversificar a carga de traballo e que poida ser asumible por todos.
-Lembra que che gusta do teu traballo. Os problemas e a saturación do día a día fannos esquecer por que nos presentamos a ese posto de traballo. Para a analizar as túas funcións e aprecia aquelas cuestións que si che gustan do teu traballo.
-Busca tempo para ti e os teus. É importante desconectar do traballo e nada mellor para facelo que gozar daquelas actividades e persoas que che enchen de verdade. Aprende a gozar ao máximo do teu tempo libre.
Tanto se xestionades unha empresa coma se traballades nunha esperamos que estes consellos vos axuden a previr máis casos de burnout e a mellorar a saúde e o benestar do máximo número de persoas posible. 🙂
Referencias bibliográficas:
Cigna (2020). Cigna presenta los primeros resultados del estudio Cigna covid-19 global impact. Recuperado de https://www.cignasalud.es/sala-de-prensa/notas-de-prensa/cigna-presenta-los-primeros-resultados-del-estudio-cigna-covid-19
Freudenberger, H. J. (1974). Staff burnout. Journal Social Isuues, 30, 159-165
Ortega, C. y López, F. (2003). El burnout o síndrome de estar quemado en los profesionales sanitarios: revisión y perspectivas. International Journal of Clinical and Health Psychology, 4(1), 137-160