15
Abr

Como testear un produto ou servizo

Ao longo dos últimos anos falamos neste blogue de practicamente todas as fases do Design Thinking. Sinalamos a importancia de empatizar correctamente, explicamos que son os insights, describimos distintas técnicas de creatividade e tamén falamos de prototipado.

Con todo non nos paramos a falar da última fase: o testeo. Hoxe analizaremos un pouco máis en detalle en que consiste e que cousas debemos ter en conta para realizar un bo  testeo. 🙂

Selección da mostra

O testeo pode determinar o éxito ou fracaso do noso proxecto, xa que testear o produto/servizo co noso usuario é primordial para saber se demos no cravo ou, pola contra, se interpretamos mal a información que recollemos na fase de empatizar. 

Polo tanto, nesta fase apoiarémonos na información dos usuarios potenciais. E para iso o primeiro que debemos ter en conta é quen é o noso target, como se distribúe na poboación e como podo facer para obter unha mostra representativa desa poboación para estudar o meu produto/servizo.

Facer un estudo de mercado rigoroso é unha tarefa complexa que, sen a formación e os recursos adecuados será difícil de levar a cabo. O ideal é recorrer a profesionais que se dediquen a iso, debido a que o van facer máis rápido e con menos erros que se tratamos de facelo nós mesmos. Con todo en ocasións o que nos interesa é ter unha pequena aproximación ao mercado, obter unhas orientacións sobre como podería funcionar o noso proxecto. Neste caso si que poderiamos tentar facelo pola nosa conta.

Cando queremos estudar un mercado (unha poboación) normalmente non a analizamos na súa totalidade, polo que seleccionamos unha parte de dita poboación (unha mostra) que  reúna todos os requisitos para resultar representativa. Polo tanto, a mostraxe é unha técnica estadística que consiste en seleccionar unha mostra a partir da poboación.

Aínda que existen diferentes tipos de mostraxe (probabilístico, aleatorio simple, aleatorio sistemático…), o que se utiliza con maior frecuencia é o aleatorio estratificado, xa que é o que adoita resultar máis sinxelo para levalo á práctica.

Coa mostraxe aleatoria estratificada considéranse, dentro da mostra, diferentes categorías nas que se supón que os seus membros teñen certo grao de homoxeneidade (por exemplo, homes-mulleres, grupos de idade, profesións, lugar de residencia…).

O seguinte paso será seleccionar individuos de cada unha das categorías, para ter un certo grao de representatividade.

Imaxinade que queremos estudar a poboación de Galicia entre 18 e 65  anos en función de se son homes e mulleres e de se teñen entre 18 e 30 anos, entre 31 e 50 anos e entre 51 e 65 anos. Teríamos que ver no IGE que poboación de mulleres entre 18 e 30 anos hai e facer unha proporción en función do tamaño da nosa mostra. Faríamos o mesmo coas  demáis idades e co xénero masculino do mesmo xeito.

Definición da metodoloxía

Cando probamos as nosas hipóteses, ou neste caso o noso produto/servizo, é fundamental seleccionar ben as ferramentas que utilizamos para recoller datos. Dispoñemos de dous tipos de metodoloxías para recoller datos sobre o noso produto/servizo: cuantitativas e cualitativas.

Lembremos que as ferramentas cuantitativas sérvennos para cuantificar comportamentos, actitudes, necesidades… Coñecer a medida en que un consumidor experimenta según que cousas co noso produto/servizo. Mentres que as ferramentas cualitativas profundan nos porqués deses comportamentos, actitudes ou necesidades. Axúdannos a entender e  reformular o noso produto para facelo máis acorde ao noso target.

Traballo de campo

Unha vez definido o anterior realizamos o testeo elixindo a ou as ferramentas que máis se adapten ao noso obxectivo, para obter o máximo de información posible. Podemos combinar varias ferramentas, utilizar só unha, primeiro unha e logo outra, etc.

Para iso teremos que marcarnos uns obxectivos co testeo que se poderían dividir en categorías, por exemplo para o caso dun produto poderían ser: funcionamento do produto, estética, comodidade, utilidade, custo económico, etc.

Trataremos de formular unha ou varias preguntas/tarefas para cada categoría, que nos servirán para saber se realmente o noso produto ou servizo cumpre o que nós nos propoñiamos cando o deseñamos (atendendo ás necesidades dos usuarios, esas que detectamos cando empatizamos con eles).

Con todo isto preparado pasaremos ao traballo de campo, é dicir, a poñer en práctica a estratexia seleccionada coa nosa mostra.

Análise e informe

O último paso consistirá en coller toda esa información e facer unha análise. Trátase de sintetizar todo o atopado nun breve informe que nos indique se imos na dirección correcta ou non.

O informe consistirá en poñer cada unha das categorías analizadas no traballo de campo e ver, para o conxunto de persoas ás que fixemos o testeo, cal é a resposta maioritaria. Se resulta relevante tamén se podería comparar por segmentos de poboación, por exemplo, se hai diferenzas entre homes e mulleres ou entre grupos de idade.

As conclusións do informe serán melloras, detección de erros, posibles solucións, etc., que nos servirán para mellorar ou cambiar o produto ou servizo antes do seu lanzamento ao mercado.

Por último repetir unha vez máis que o Design Thinking traballa por iteracións, polo que esta fase pódese repetir tantas veces como sexa necesario ata conseguir que o noso proxecto esté listo para saír ao mercado e poñerse en marcha. E ti… practicas o testeo? 🙂

Leave a Reply