Nos day
31
Mai

Curso de Design Thinking Avanzado: o Nos Day

Na terceira xornada presencial do curso de Design Thinking Avanzado acudimos ó Nos Day, o evento galego de referencia no mundo das startups. Este ano celebrouse no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia.

O día comezou coa intervención de Alberto Barreiro, quen na actualidade é o responsable de experiencia do grupo Prisa. Foi unha intervención moi interesante na que sen dúbida destacou a súa visión do mundo dixital, onde comentou que a tecnoloxía so ten que ser unha mera ferramenta para comunicar os significados do proxecto, o que no design thinking se coñece como insights, e que sen significado non hai proxecto. Moitas veces pasa xusto o contrario, que se comeza por desenvolver moito a tecnoloxía sen pensar no significado que se quere trasladar ó usuario e os proxectos non funcionan.

Nos-Day-002

A continuación foi o turno de Claudia Alcelay, fundadora de certificación PM. Claudia trasladounos ós seus comezos e desde alí contounous toda a evolución do proxecto cunha narración pausada e emotiva. De todo o que comentou, quedámonos coa importancia do timing, algo que foi a clave do seu proxecto, tanto no negativo coma no positivo.

O terceiro orador da xornada foi Javier Gómez de Todotaladros, de quen xa nos falaran moito e moi ben, pero ata o de agora non o puidemos desfrutar. A súa intervención será seguramente unha das máis recordadas desta edición, xa que ademais do seu estilo persoal de narración, foi moi motivadora e tivo momentos apoteósicos coma o do video que podemos ver a continuación 🙂

Despois da pausa café foi o turno de Paloma Barreiro, que presentou Atlantic MTA, un novo tipo de formación universitaria baseada na Tiimiakatemia finlandesa e apoiada pola Universidade de Mondragón que comezará no ano 2017 en Galicia.

O último convidado da mañá foi Rubén Ferreiro, CEO do grupo Viko, quen nos comentou a súa experiencia ó frente da compañía. Da súa intervención quedámonos coa importancia que lle dá á cultura de empresa, ata o punto de pasar gran parte do seu tempo nos procesos de selección de persoal e no traslado desa cultura a tod@s @s compoñentes da compañía.

Tras a intervención de Rubén realizouse o descanso para comer, onde despois de compartir un tempo con amig@s e coñecid@s, dirixímonos a xantar con tod@s @s alumn@s do curso.

Nos-Day-003

Tras unha interesante conversa acerca, entre outras cousas, dos proxectos que se están levando a cabo, voltamos para asistir á sesión de tarde conformada por dúas mesas redondas.

A primeira delas, titulada: emprender “en provincias” , estaba composta por Alexandre Bastos (On the bus innovation), Elena Rodríguez (Ustawee), David Pombar (Setpay), Juan Calvo (Soloimprenta) e Jose Iglesias (Techstars) como moderador. De esta mesa quedámonos coa idea de que non é preciso vivir en Madrid, Barcelona, Londres ou Silicon Valley para crear unha startup de éxito pero que temos que viaxar con regularidade para impregnarnos do que sucede nestos lares.

Para o peche da xornada quedou a mesa redonda que levaba por título “pechei a miña empresa, agora qué?” e que tería por protagonistas a Pablo Pazos (Barkibu), Daniel Cerqueiro (Galinus, Abertal e Phottic), Daniel Seijo (Menéame, Qué coche me compro, Diariomotor e Civeta Investment) e nesta ocasión Xaime Novoa (Novobrief) como moderador. Sen dúbida o que impactou desta mesa foi a brutal honestidade tanto de Pablo Pazos como de Daniel Cerqueiro contándonos o proceso de peche das súas respectivas empresas e como retomaron a actividade. Tamén foi moi interesante a reflexión que deixou Daniel Seijo acerca da experiencia de emprendemento, que calificou como unha suma de micro éxitos e micro fracasos, onde os micro éxitos e o aprendizaxe que se adquire polo camiño compensa ó resto.

Nos-Day-004

Rematamos este post destacando algo que nos chamou profundamente a atención neste Nos Day. Nun evento onde esperabamos oír moitas cousas de tecnoloxía e modelos de negocio, falouse moito máis de persoas e experiencias. Este sen dúbida é o camiño, longa vida ó Nos Day 😉

Leave a Reply