startup design thinking
10
Out

Design Thinking para o emprendemento

O emprendemento tecnolóxico, especialmente o relacionado con esas empresas tan particulares que son as Startups, conta xa con metodoloxías propias de desenvolvemento. O exemplo máis evidente é a metodoloxía Lean Startup, definida por Eric Ries co obxectivo de axudar aos emprendedores a sacar adiante os seus proxectos.

Como xa se comentara nun post anterior, hai unha relación evidente entre o Design Thinking e Lean Startup, con moitas semellanzas e complementariedades.

Pero non só se queda aí o que pode aportar o Design Thinking aos emprendedores. Hai dous puntos nos que o Design Thinking reforza as habilidades necesarias para o emprendemento, como son:

O prototipado

prototipar design thinking

Partimos de asumir que tanto o Lean Startup como o Design Thinking dan moita importancia ao prototipado para a validación das ideas.

Este papel protagonista do prototipado parte dunha mesma concepción sobre o valor dun produto: o mercado é o único “validador” útil e, por iso, a mellor maneira de desenvolver un produto/empresa é tentar maximizar as interaccións co propio mercado.

Co tempo e coa experiencia acumulada en proxectos de emprendemento esta cuestión paréceme case obvia, pero teño que recoñecer que no seu momento esta visión sobre o valor dun produto foi realmente reveladora, e por iso poño moito fincapé nela en calquera intervención formativa. Os emprendedores deben estar en contacto co mercado o máximo posible, e iso normalmente está fóra do seu espazo de confort (máis aínda dos que proveñen de ámbitos técnicos), polo que é necesario que de verdade sexan moi conscientes desa máxima.

Iso si, aínda que o foco nos dous ciclos está na interacción co mercado a través do prototipado (creación de produto, interacción co mercado, medición e aprendizaxe), o meu coñecemento dos procesos de prototipado melloraron moito traballando nos talleres de Design Thinking. Estaba acostumado a traballar só con produtos tecnolóxicos, principalmente de software, e comezar a traballar con maquetas “físicas” axudoume a visualizar esas técnicas e poder aprender cousas que despois foron útiles tamén para os proxectos “intanxibles”.

visual thinking

De feito, desde que comecei a traballar coa metodoloxía do Design Thinking dou moito máis valor ás técnicas que permiten facer máis visibles os nosos propios pensamentos (visual thinking), tanto para facer máis tanxibles e ordenar as miñas propias ideas, como nos procesos colectivos, onde a visualización dos conceptos abstractos axuda enormemente a orientar o traballo colectivo.

A xeración de ideas

Por outra banda, outra das diferenzas máis significativas que me atopei entre as dúas metodoloxías é o peso que outorga o Desing Thinking ao punto no que comeza o ciclo de Lean Startup: as ideas.

En Lean Startup non se trata expresamente de como chegan as ideas que despois dan pé ao desenvolvemento dun proxecto emprendedor, mentres que na metodoloxía de Design Thinking trabállase de maneira expresa ese proceso de xeración de ideas, e todo comeza desde a empatía, tratando de entender as motivacións e os comportamentos dos usuarios / clientes aos que está destinado o proxecto.

Este enfoque reforza outra das ideas forza da metodoloxía Lean Startup: o verdadeiramente importante nun proxecto emprendedor é entender cal é o problema que teñen os usuarios/clientes aos que queremos enfocar o noso produto. Os emprendedores tecnolóxicos teñen a tendencia a pensar desde o principio nunha solución concreta para un problema que intúen, e así o soen verbalizar (“quero facer unha aplicación para…”); e ese enfoque moitas veces os distancia das necesidades reais dos seus usuarios, empurrándolles a caer no maior erro que pode cometer un emprendedor: crear un produto que non lle interesa a ninguén.

A clave para non caer nese problema é traballar como deseñadores, entendendo que primeiro están as persoas, cos seus problemas particulares e concretos, e que a nosa labor como emprendedores (ao igual que como deseñadores) é comprender eses problemas para despois tentar arranxalos.

Leave a Reply

Skip to content