maker faire galicia 2020
29
Out

Dixitalizando a fabricación dixital

Este 2020 será lembrado porque o mundo se parou debido a un virus pero tamén como o ano da dixitalización nas empresas. No noso caso non foi unha excepción e por fin aterramos proxectos que levaban anos no caixón esperando a ter un oco para implementalos, como a nosa plataforma de formación e consultoría en innovación online.

Ademais deste, houbo outro proxecto do que nos gustaría falar debido á dificultade da súa dixitalización e ás aprendizaxes que obtivemos polo camiño. Trátase da realización da Maker Faire Galicia 2020, evento anual que vai pola súa sexta edición e no que realizamos o deseño, coordinación e execución do mesmo.

Como xa comentamos cando falamos do design thinking e o movemento maker, as feiras Maker poñen en valor a democratización da innovación e a fabricación dixital, que neste caso consiste en levar ao físico, a través de tecnoloxías abertas, un arquivo dixital.

Debido á dificultade de celebrar eventos masivos durante este 2020 (pola Maker Faire Galicia pasaron máis de 50.000 persoas en 5 edicións) e tendo en conta que unha das claves da feira é levar o dixital ao físico, tivemos que esixirnos o máximo como design thinkers para resolver o reto que se nos expuña.

Tipos de eventos durante a pandemia

Despois de analizar como se estaban levando a cabo os eventos online durante o confinamento, démonos conta de que había dúas liñas moi marcadas e case opostas. Por unha banda, eventos cuxo contido son basicamente relatorios, desenvolvidos a través dunha canle online e, por outro, eventos que recrean un mundo virtual ao estilo Second Life. 

Nos primeiros, aínda que teñen unha barreira tecnolóxica moi baixa, o usuario non pode facer nada alternativo se non lle interesa o relatorio que se está levando a cabo, en definitiva, non pode elixir. Na segunda liña de eventos, ten posibilidade de elixir e recrear un mundo real pero a barreira de entrada a nivel tecnolóxico para moitos usuarios é demasiado alta.

Entre estas dúas posibilidades detectamos unha nova, un modelo cunha barreira de entrada baixa, que lle permita liberdade de elección ao usuario, cuxa experiencia sexa inmersiva e manteña a esencia do evento, que non é outra que compartir coñecemento en aberto.

Evento dixital centrado no usuario

Así desenvolvemos un concepto de plataforma que se articula a través de fotografías 3D do espazo, neste caso o Museo Gaiás da Cidade da Cultura, e no que se xeran unha serie de capas gráficas coas que o usuario pode interactuar e permítenlle tanto acceder aos relatorios ou talleres como falar en directo cos/as makers e coñecer de primeira man os seus proxectos.

Ademais de utilizar como base esta tecnoloxía, moi familiar xa que é a mesma que usa Google Street View, desenvolvemos unha navegación alternativa máis básica para que esta plataforma sexa totalmente accesible.

Unha vez terminado o evento, poderase seguir gozando durante todo o ano xa que os contidos quedarán accesibles na plataforma e outros novos incorporaranse a partir dos intereses da comunidade. A partir desta edición, e grazas a este proceso de redeseño, a Maker Faire Galicia pasa de ser unha feira de escala fundamentalmente europea a situarse nunha escala global, conectando a makers, educadores e organizacións de todo o mundo.

A principal aprendizaxe que obtivemos deste proceso é que ás veces a dificultade dun proxecto non está no reto exposto, senón en conseguir romper con nosas propias barreiras mentais e esquemas predefinidos. Desta forma podemos chegar a solucións innovadoras, que acheguen valor e que sexan experiencias únicas para os nosos usuarios.

Aquí deixámosvos a ligazón para rexistrarvos nesta edición tan especial que se levará a cabo do 18 ao 22 de novembro de 2020.

Leave a Reply

Skip to content