compostela jam
1
Mar

Experiencia na Global Service Jam

A global Service Jam é un evento que se celebra de forma simultánea en todo o planeta e que comezou no 2011. O obxectivo é crear proxectos que cambien o mundo a través do deseño de servizos e durante 48 h.

O pasado sábado tiven a oportunidade de participar como mentor na que se celebrou en Santiago, a Compostela Jam, que tivo lugar no espazo de coworking da nosa storyteller Chus Prol.

O evento comezou as 10 coa recepción d@s participantes e un almorzo para coller forzas. A continuación explicouse en que consistía unha JAM e logo dunhas divertidas dinámicas de quentamento formamos os grupos de traballo.

Tras construir os grupos, presentouse o reto desta edición, o cal foi o son dun líquido interactuando con algo sólido. A partir dese son tiñamos que deseñar un servizo que axudase a mellorar o mundo.

Ainda que o traballo non era sinxelo, a motivación era alta, así que rapidamente nos puxemos a traballar. Nun primeiro momento o grupo amosábase ríxido e con dificultades para obter posibilidades dese son e enfocar o obxetivo.

Tras uns minutos de dúbidas, optouse por deseñar un servizo que axudase ós emprendedores do sector creativo. E diredes, que ten que ver iso co son do líquido? Pois ben o razoamento foi o seguinte: son > líquido > auga> peixe > liberdade > tirarse á piscina > valentía > emprendemento.
Así como chegamos ó emprendemento definimos un sector, para facelo máis específico, elixindo o ámbito creativo.

Unha vez conseguimos definir o problema, comezamos a realizar un brainstorming para obter un volumen axeitado de ideas dunha forma rápida. Clasificamos as ideas e decidimos enfocarnos en dous ámbitos, a reciclaxe e o coñecemento. O resultado foi unha plataforma onde se puidesen compartir tanto produtos e materiais usados, dándolles así unha segunda vida, como coñecemento, entre creativos con experiencia e noveis.

Ó rematar esta fase fixemos un pequeno paréntese e conectamos coa Barcelona JAM, saíndo da caixa e dándonos conta da dimensión e a maxia deste evento, jammers prototipando servizos ó mesmo tempo e en todo o mundo!!

Despois dunha interesante conversa cos nosos colegas de Barcelona, voltamos ó traballo. Co proxecto enfocado, fixemos un prototipo rápido nunha folla e cando nos dispoñíamos a saír á rúa en busca do noso perfil de usuario xurdiron as dúbidas. Parte do equipo tiña medo de non dar co público obxectivo polo que propoñían cambiar totalmente o proxecto. Como solución decidimos ir a locais ós que soe ir este perfil de usuario, co que superamos a crise de fe e seguimos adiante 🙂

(Ainda que neste caso era só un exercicio, estas crises de fe son un reflexo do que acontece constantemente cando se quere innovar, por iso é importante remarcar que hai que ter confianza no proxecto e non deixarnos levar polo medo a errar. Innovar non é fácil, se o fose faríao todo o mundo).

Despois disto só tiñamos 15 minutos polo que baixamos as escaleiras de Doutroxeito coworking e comezamos a correr baixo a incesante choiva santiaguesa buscando ó noso perfil de usuario. Chegamos ó local elixido e na segunda mesa que preguntamos xa obtivemos dous posibles usuarios da plataforma. Despois de expoñer a idea ante o público obxectivo, o feedback recibido foi tan positivo que a confianza do grupo medrou notablemente, créndose o proxecto e facéndoo seu.

Despois dun descanso para xantar, voltamos a Doutroxeito e fixemos unha serie de dinámicas de activación antes de analizar o noso servizo mediante un mapa de experiencia do cliente ou customer journey map. Co uso desta ferramenta e o feedback recollido pola mañá, detectamos moitos puntos de mellora do proxecto, polo que o grupo se puxo mans á obra e redeseñou o servizo.

Cando nos demos conta eran as 19:30, hora indicada para cargar os proxectos á plataforma, polo que rematamos os últimos detalles e subímolo para compartilo con todos os jammers.

Para rematar a xornada presentámonos e cada un deu a súa opinión do que máis lle gustou e do que melloraría. Ainda que non sempre se pode aplicar, pareceume moi interesante a idea de presentarnos ó final, xa que eliminas os prexuízos e todo o mundo traballa de igual a igual.

O que máis me gustou da experiencia desta Compostela Jam foron varias cousas:

  • Compartir o espazo de traballo con xente dinámica e divertida.
  • Constatar unha vez máis a enerxía que flúe nos grupos en dinámicas deste tipo.
  • Ver a evolución do grupo e como pasou de estar ríxido e con moitas dúbidas, a superar unha crise, confiar totalmente no seu proxecto e funcionar de maneira autónoma.

O que me gustaría, que @s que toman as decisións e teñen na súa man cambiar as cousas, participen en eventos coma este e traballen con outras persoas de igual a igual e sen etiquetas. Gustaríame que entendan que o traballo en equipo e con persoas que pensan dun xeito diverso sempre enriquece, só hay que vencer ós medos e as crises de fe 😉

 

 

Fotografía de Xaime Cortizo 

Leave a Reply