30
Out

Kanban, que é e para que serve

Seguramente nos últimos anos oístes falar moito de Kanban, unha ferramenta incorporada dentro do grupo das metodoloxías áxiles. Neste post falaremos da súa orixe, as súas características e a integración que ten co Design Thinking.

A orixe de Kanban

A palabra Kanban ten a súa orixe no xaponés e significa tarxeta visual. A ferramenta Kanban concibiuse en Toyota, no anos 50, e forma parte do coñecido sistema just in time que fixo desta empresa o referente mundial en eficiencia no sector industrial.

Consiste nun sistema de tarxetas para a xestión de pezas dentro dun proceso de produción, identificando o provedor, a peza en cuestión e o punto da fábrica onde se atopa. Isto permite repoñer as pezas necesarias e no momento xusto para incorporalas aos pedidos en produción.

O que inspirou no seu día á dirección de Toyota para desenvolver este sistema foi a xestión dos produtos nos andeis dos supermercados de Estados Unidos.

Kanban na actualidade

A partir da publicación do libro Kanban: Successful Evolutionary Change for Your Technology Business de David  J. Anderson, esta ferramenta pasou a formar parte do día a día das compañías, especialmente as relacionadas co desenvolvemento de software. Así, como moitas outras ferramentas nos últimos anos, Kanban realizou a súa propia transformación dixital.

kanban metodologia agil

Fonte: Medium

Esta ferramenta é fundamentalmente práctica, favorecendo en todo momento o fluxo de traballo e eliminando posibles barreiras. Os principios baixo os que se articula Kanban son 4:

Empezar coas tarefas que se están a realizarÁs veces implementar unha nova ferramenta de traballo pode ser un lastre para a organización, por iso Kanban defende a súa facilidade na integración inmediata no traballo que xa se está a realizar.

Implementar cambios incrementales e evolutivosNesta ferramenta descártanse os cambios radicais, xa que poden supoñer unha barreira dentro da organización e apóstase por éxitos curtos e  acumulativos.

Respectar procesos, responsabilidades e cargosBaixo a mesma lóxica dos principios anteriores, esta ferramenta quere evitar barreiras nos procesos, por iso entende que os roles e procesos débense respectar de entrada e deben evolucionar de forma natural.

Liderado en todos os niveisKanban promove un liderado en todos os membros da organización, non só a nivel de xefes de departamento ou de dirección xeral.

Ademais disto, David J. Anderson identificou seis prácticas que deben estar sempre presentes:

Visualizar o fluxo de traballoIsto realízase mediante un esquema de columnas onde se visibiliza o traballo por facer, o traballo que se está facendo e o que está terminado. Está baseado no Visual Thinking, unha ferramenta moi eficiente nos procesos de innovación.

Limitar o work in progressA multitarea pode dar lugar a unha mala optimización do tempo, por iso proponse limitar o traballo que se está facendo en cada momento.

Xestionar o fluxoTentar poder levar a cabo un fluxo continuo na realización de tarefas para eliminar tempos mortos e custos por atraso.

Establecer políticas de proceso explícitasSe todo o mundo ten claro como vai ser o proceso e cal é o obxectivo común, van ter a posibilidade de ser máis proactivos e que o proceso siga avanzando dun modo fluído.

Reunións para a transferencia de coñecementoEn Kanban considéranse moi importantes as reunións e divídense en dous tipos, reunións dun máximo de 15 minutos e reunións de ata unha hora. As de 15 minutos levan a cabo de pé e co taboleiro kanban diante.

Colaborar sobre un modelo comúnCando toda a organización traballa baixo un modelo común, é máis fácil que identifiquen problemas e cheguen a acordos dunha forma máis áxil.

Na actualidade o impacto de Kanban está a ser tan grande que xa non se entenden ferramentas de xestión de proxectos que non permitan dita configuración entre as súas opcións.

Kanban e Design Thinking

Ademais de polos seus principios e prácticas, totalmente compatibles cos do Design Thinking, o esquema que popularizou Kanban pode resultarnos de gran axuda en determinadas fases da metodoloxía.

O máis directo é a súa aplicación sobre o proceso global, visualizando así en todo momento en que punto está cada fase.

Con todo, se adaptamos o taboleiro de Kanban, podemos utilizalo tamén como unha ferramenta moi visual de selección de ideas, dividíndoas polo seu nivel de viabilidade (económica ou técnica) ou o seu grao de innovación, por exemplo.

Nesta liña tamén podemos utilizar o taboleiro para clasificar de maneira resumida os tipos de interaccións dun CJM ou o feedback dos usuarios despois do testeo.

Como sempre defendemos nos nosos artigos, en Designthinking.gal apostamos pola mestizaxe, a adaptación e a interacción entre ferramentas e metodoloxías que acheguen valor nos procesos de innovación, no caso de Kanban non é unha excepción.

 

Fonte foto de portada: Medium

Leave a Reply

Skip to content