20
Feb

Métricas sobre a rendibilidade do Design Thinking en innovación

Moitas veces fálase dos beneficios da aplicación do Design Thinking para as empresas de modo moi xenérico, sen entrar en detalles e sen ofrecer métricas nin estatísticas concretas sobre os beneficios do Design Thinking. Por iso hoxe queremos recoller neste post os beneficios (a nivel económico, de tempo e mesmo de satisfacción) que se derivan da aplicación do Design Thinking, tal e como o entendemos nós, nas empresas. É dicir, tendo en conta a parte creativa, o deseño, os equipos multidisciplinares, o storytelling e a propia metodoloxía do Design Thinking.

Retorno do investimento en deseño para as empresas

Empecemos falando das vantaxes de utilizar o deseño nos nosos proxectos. Un estudo do ano 2015 explica que por cada libra investida en deseño nas empresas británicas, retornan ata 20£ adicionais, poden notar ata un aumento de 4£ no resultado neto de explotación e un retorno de 5£ no aumento das exportacións (Innovate UK, 2015).

retorno inversión diseño innovación

Noutro estudo máis recente observouse que cando o deseño ocupaba un lugar central nas empresas isto ten un impacto directo nos seus ingresos, a valoración da mesma e o tempo de comercialización. Ademais, o deseño tamén axuda a mellorar a satisfacción do cliente e a usabilidade dos produtos ou servizos (InVision, 2018).

A creatividade incrementa a cota de mercado das empresas

A creatividade é outro dos elementos que consideramos fundamentais á hora de desenvolver proxectos innovadores, xa que sen ela será moi difícil conseguir ideas realmente disruptivas que nos permitan avanzar e diferenciarnos da competencia.

Isto apóiase en estudos como o levado a cabo por Forrester Research e Adobe (2014) onde observaron que aquelas empresas que fomentan a creatividade gozan dunha cota de mercado 1.5 veces maior que as que non o fan.

Crear historias a partir do storytelling xera maior impacto no cerebro

O storytelling é outro dos elementos que engadimos ao esquema tradicional do Design Thinking xa que consideramos que é moi importante aprender a comunicar os nosos proxectos dunha maneira eficaz e adaptada á nosa audiencia.

Apostamos polo storytelling porque ten unha base neurolóxica detrás. Os primeiros estudos traballaron con palabras que presentaban aos participantes, aquelas palabras con reminiscencias de cheiros non só activaban as áreas do cerebro relacionadas coa linguaxe, tamén activaban outras áreas (González, Barros- Loscertales,  Pulvermüller, Meseguer, Sanjuán, Belloch e Ávila, 2006).

Por mor de estudos como o anterior empezouse a teorizar sobre como actúa o storytelling no cerebro, así, cando lemos unha historia no noso cerebro actívanse, ademais das áreas de Broca ou Wernicke (áreas relacionadas coa linguaxe), todas aquelas áreas que se activarían se estivésemos a vivir a historia nese mesmo momento (Oatley, 1999).

Os equipos diversos incrementan os ingresos por innovación

Un dos alicerces básicos é o noso equipo, está claro que sen as persoas que forman Designthinking.gal este proxecto non sería o que é hoxe en día. É importante contar con persoas que sintan unha gran motivación polo que fan, que teñan inquietude por aprender e con ganas de achegar ao resto do equipo. E este é un dos factores que máis valoramos á hora de ampliar equipo, que as novas incorporacións complementen aos demais, é dicir, conseguir equipos multidisciplinares e diversos, tanto en disciplinas como en rangos de idade, xénero, afeccións, etc.

E por que é importante contar con equipos diversos? Pois porque nos van a axudar a ter diferentes perspectivas dun mesmo problema. Ademais, as empresas que fomentan os equipos diversos en maior medida que a media teñen un 19% máis de ingresos por innovación que as que teñen equipos convencionais (Lorenzo e Reeves, 2018).

equipos multidisciplinares innovación

E estes beneficios son palpables non só no equipo de traballo, tamén a nivel de xerencia, xa que aquelas empresas que contan con máis diversidade entre a súa xerencia obteñen unha maior cota de mercado (Hewlett, Marshall e Sherbin, 2013).

O Design Thinking mellora a eficiencia dos procesos de innovación

Por último debemos sinalar os beneficios que resultan da aplicación da metodoloxía do Design Thinking nas empresas. Para nós son moitos: gañamos tempo ao estruturar as fases de desenvolvemento do noso proxecto, aforramos ao evitar custos desorbitados en “prototipos perfectos”, xeramos ideas máis disruptivas ao non cortar ao equipo na fase de  ideación, etc.

Pero falemos de cifras, demostrouse que o Design Thinking mellora a eficiencia nos procesos de innovación, concretamente un 69% das empresas que participaron nun estudo sobre o uso do Design Thinking nas organizacións afirmaron que os seus procesos de innovación eran máis eficientes (Schmiedgen, Rhinow, Köppen e Meinel, 2015).

E os beneficios mesmo se observan a outros niveis, xa que o 71% das organizacións tamén afirmou que a práctica do Design Thinking nas súas empresas mellorou a súa cultura de traballo (Schmiedgen, Rhinow, Köppen e Meinel, 2015).

Como vemos, aplicar correctamente o Design Thinking entendido na súa ampla concepción (creatividade, traballo en equipos multidisciplinares, storytelling…) comporta numerosos beneficios económicos, de tempo e de satisfacción do noso clientes/consumidores, polo que se aínda non empezaches a poñer en práctica o Design Thinking na túa empresa aínda estás a tempo de gozar de todos os beneficios que comporta :).

 

Referencias bibliográficas:

Forrester Research y Adobe (2014). The Creative Dividend. How Creativity Impacts Business. Results. Recuperado de https://landing.adobe.com/dam/downloads/whitepapers/55563.en.creative-dividends.pdf

González, J., Barros-Loscertales, A., Pulvermüller, F., Meseguer, V. Sanjuán, A. Belloch, A. y Ávila, C. (2006). Reading cinnamon activates olfactory brain regions. Neuroimage, 32(2), 906-912. doi:10.1016/j.neuroimage.2006.03.037

Hewlett, S. A., Marshall, M. y Sherbin, L. (2013). Innovation, diversity and market grow. Recuperado de https://www.talentinnovation.org/assets/IDMG-ExecSummFINAL-CTI.pdf

Innovate UK (2015). Design in innovation Strategy 2015-2019. Recuperado de https://assets.publishing.service.gov.uk/government/uploads/system/uploads/attachment_
data/file/474557/Design_in_Innovation_Strategy_2015-2019_WEB.pdf
 

InVision (2018). The New Design Frontier. The widest-ranging report to date examining design’s impact on business. Recuperado de https://drive.google.com/file/d/194hpYE1yEfRlraFq7-yG2pmbF0ngez2q/view

Lorenzo, R. y Reeves, M. (2018). How and Where Diversity Drives Financial Performance. Recuperado de https://hbr.org/2018/01/how-and-where-diversity-drives-financial-performance

Oatley, K. (1999). Why fiction may be twice as true as fact: Fiction as cognitive and emotional simulation. Review of General Psychology, 3(2), 101.

Schmiedgen, J., Rhinow, H., Köppen, E. y Meinel, C. (2015). Parts Without a Whole? – The Current State of Design Thinking Practice in Organizations (Study Report No. 97). Potsdam: Hasso-Plattner-Institut für Softwaresystemtechnik an der Universität Potsdam. Recuperado de https://thisisdesignthinking.net/why-this-site/the-study/

Leave a Reply

Skip to content