Neurociencia naukas coruña
15
Xuñ

Neurociencia e Design Thinking. Naukas Coruña 2016

O pasado sábado 11 de xuño puidemos desfrutar dunha gran xornada de comunicación da ciencia e particularmente desa que fala do noso cerebro, a neurociencia.

Temos falado en multitude de ocasións da importancia de exercitar o noso cerebro para potenciar as nosas capacidades tanto de pensamento lóxico ou analítico, como de pensamento creativo e diverxente. Polo tanto non podíamos deixar pasar a oportunidade de achegarnos a escoitar de preto a diferentes investigadores para aprender os últimos avances nese eido que nos axuden a entender un chisquiño máis o noso cerebro ou como José Ramón Alonso (un dos magníficos ponentes) o describiu, “a estructura biolóxica máis complexa do universo”.

Neurociencia-naukas-005

Neurociencia. Naukas Coruña 2016: xornada matutina

Comezamos a xornada ás 11 da mañá e Victor Grande, presentador do evento, deu paso á charla de Casto Rivadulla do grupo de investigación Neurocom da Universidade de A Coruña, no que se adican a estudar o comportamento do sistema nervioso. Casto, no seu discurso con título de “Chispas de Conciencia”, falounos da inmensidade da nosa rede neuronal formada por arredor de 85 millóns de neuronas, de como están conectadas entre si e inclusive nos ensinou como soaría o noso cerebro se amplificásemos as ondas xeradas polas descargas eléctricas producidas durante os nosos diferentes pensamentos e percepcións. Salientamos tamén a investigación que está a levar a cabo na que foron capaces de inducir pensamentos dun cerebro a outro (neste caso no cerebro dun roedor) simplemente mimificando os impulsos eléctricos producidos nun cerebro e replicándoos artificialmente na mesma zona de materia gris do outro cerebro. Se o transmitísemos por wifi, poderíamos falar dun caso de telepatía? Plantexámonos cales serían as consecuencias de esta tecnoloxía para o traballo en equipo dentro do Design Thinking, que  tan importante é á hora de facer proxectos innovadores a día de hoxe. Ti qué opinas?

Neurociencia-naukas-001

O segundo turno do día foi para Javier Cudeiro que nos falou de técnicas non invasivas de estimulación cerebral. Estas técnicas que funcionan a través do electromagnetismo, aínda en fase de investigación, permítennos non só tratar doenzas cerebrais senón tamén estimular as diferentes capacidades que queiramos potenciar. Imaxinádesvos esta técnica combinado coa técnica dos 6 sombreiros para pensar? As posibilidades serían inmensas!

Javier tamén nos falou da plasticidade do noso cerebro para adaptarse e recuperarse de lesións ou traumas. Esto confirma que as nosas capacidades mudan de maneira constante, que o teu cerebro será diferente antes de que comezaras a ler este post e no momento no que o remates. É por iso que debemos traballar aquelas capacidades que nos axuden a ser mellores no que facemos, ou como dí o noso experto en creatividade José Ramón Rodríguez, para innovar debemos traballar esas capacidades que nos permitan potenciar o pensamento creativo, pois é imposible ser innovador sen antes ser creativo.

Neurociencia-naukas-009

Na terceira ponencia do día agardábanos José Ramón Alonso, da Universidade de Salamanca, que nos falou dende a sinceridade do proxecto de investigación que están levando a cabo e no que tratan de usar células nai para curar danos cerebrais como os causados polo Alzheimer ou outras doenzas. A investigación está aínda en fases iniciais pero pouco a pouco e a tompicóns imos avanzando, nos comentaba José Ramón.

Abraiados nos quedamos coa claridade das explicacións dun tema tan complexo. É de agradecer que investigadores deste nivel sexan tan bos transmitindo o que fan.

Neurociencia-naukas-007

Xa pechando a xornada da mañá tocoulle o turno ó noso colega Xurxo Mariño, Licenciado en CC. Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela e que realizou a súa estancia postdoutoural no MIT (Massachusetts Institute of Technology), que nos explicou a súa visión de como se producíu a evolución da linguaxe na raza humana.

Dende logo que foi un espectáculo de charla na que se axudou de diferentes medios (videos, sons e mesmo unha figura dun elefante en 3D), con todo isto fíxonos sentir a todos como se fósemos expertos na materia, non gris, neste caso 🙂

Estamos moi dacordo con Xurxo que a linguaxe supuxo, xunto á creación de ferramentas cada vez máis sofisticadas (exemplo son as que utilizan no seu día a día os ponentes anteriormente mencionado), unha vantaxe evolutiva.

Usando este punto de vista da comunicación como vantaxe evolutiva, cremos que unha boa comunicación tamén é unha vantaxe no mundo das empresas e, sobre todo, en proxectos de comunicación.

Neurociencia-naukas-010

Neurociencia. Naukas Coruña 2016: xornada de serán

Xa pola tarde despois dun par de horas de descanso para o xantar e para repousar as ideas, continuamos a xornada con Itziar Laka que chegada da Universidade do País Vasco falounos de como a linguaxe moldea o noso pensamento.

Axudándose da imaxe dun iceberg, Itziar explicounos a complexidade, estructura e cantidade de linguas existentes, ademais, fíxonos entender a linguaxe como uns anteollos que poñen cor ó noso mundo e, en certa maneira, determina o que pensamos.

Itzíar fíxonos reflexionar sobre a importancia do medio a través do cal transmitimos a nosa mensaxe, non só de cara ó exterior, senón tamén con nós mesmos. Isto resúltanos moi útil á hora de afrontar procesos creativos ou de desenvolvemento de proxectos nos que ás veces só utilizamos unha canle de transmisión e experimentación, polo que nos estamos limitando a nós mesmos. É aquí onde podemos pór en valor a importancia de facer prototipos tanto para transmitir as nosas ideas como para entendelas, melloralas e desenvolvelas nos mesmos.

Neurociencia-naukas-012

Podemos fiarnos da nosa propia mente? Así comezou o turno de Helena Matute, catedrática en psicoloxía experimental na Universidade de Deusto.

Con Helena aprendemos como aprendemos 🙂 e como sesgamos a información. É practicamente imposible decatarnos dos nosos sesgos, pero sí dos dos demáis, comentou Helena.

Falounos tamén da ilusión do que percibimos coa realidade e máis aínda do que recordamos desa percepción.

A xenial posta en escea da charla de Helena, reforza algo no que sempre insistimos, o traballo en equipo. Este traballo en equipo que cremos fundamental para desenvolver os nosos proxectos, dalgún xeito, axúdanos a limitar que os sesgos nos cerren camiños que doutro xeito nin veríamos. Isto faise máis agudo aínda cando compoñemos o noso equipo de traballo de xente con moi diferentes perfís que detectarán moito máis facilmente eses sesgos causados pola nosa formación específica e experiencia previa.

Neurociencia-naukas-013

Seguiu a xornada coa intervención de Luis M. Martínez, titulada “Ver es fácil con los ojos cerrados”. Luis, membro do Visual Analogy Laboratory e investigador no Instituto de Neurociencias de Alicante, CSIC-UMH, fíxonos dubidar de todo o que vemos.

Segundo Luis recibimos arredor de 70 Gb de información por segundo a través dos nosos ollos. Isto crea un exceso de información que somos incapaces de procesar e que fai que o noso cerebro filtre e cree a súa propia imaxe. “Non vemos o mundo como é, senón como nos parece máis axeitado para tratar de non morrer nel” .

Isto mesmo que pasa a nivel neurolóxico é aínda máis acentuado cando o levamos á nosa vida cotiá e analizamos o continuo bombardeo de información e publicidade ó que estamos sometidos, e non só a nivel visual, senón a través de tódolos nosos sentidos. Como a nosa experta en marketing Yolanda Iglesias sempre nos conta, se queremos que a nosa mensaxe chegue para quedarse á mente dos nosos clientes debemos darlle algo que non os deixe pasivos, debemos crear unha emoción para romper esas barreiras de filtrado que de forma natural o noso cerebro crea.

Neurociencia-naukas-004

Pechou a gran xornada organizada por Naukas e guiada brilantemente por Victor Grande, César Tomé López, comunicador científico e editor xefe de CCCientifica e MapIgnorance, cunha charla de trasfondo filosófico á cal titulou “A ilusión do eu”.

Para César o Eu é a maior ilusión que existe e é producida polo encéfalo. Esa ilusión é construída e pode ser destruída, polo tanto está nas nosas mans poder modificalo. Xa non vale agora iso de dicir “é que eu son así e non podo cambiar”.

Aínda que é unha idea dificil de asimilar, cremos que a mensaxe de César non ten máis que consecuencias positivas se a tomamos e usamos para o noso propio beneficio. Existen dificultades en cada un dos proxectos, tanto persoais como profesionais, ós que nos afrontamos cada día, pero a nosa capacidade de cambio e adaptación para superalos está moi por riba desas adversidades.

Neurociencia-naukas-002

Gustaríame pechar o post agradecendo á organización a posibilidade de asistir a eventos que realmente xeren inquietude e divulgación da cultura na sociedade galega e esperamos poder participar de novo na vindeira edición de Naukas Coruña.

Dende Designthinking gal gustaríanos quedar cunha mensaxe sinxela: que temos unha ferramenta capaz de facer cousas incribles, xerar ideas creativas, levalas ó extremo, experimentalas, testalas, transmitilas,… tan só temos que poñela ó noso servizo e da sociedade. Grazas señor cerebro.

 

Fotografías: Xurxo Mariño y Juan Ignacio Pérez Iglesias

Leave a Reply