brainstorming
1
Mai

O Brainstorming ou tormenta de ideas (II)

Para poder levar a cabo esta técnica e xerar as mellores ideas convén ter en conta varios principios.

  1. Estimular a espontaneidade

Para conseguir un ambiente de traballo creativo, é preciso estimular a espontaneidade, animando a que a xente participe sen valorar se a idea que se propón é correcta ou suficientemente boa. Para iso, o comezo da reunión é clave, xa que aí se comezan a producir interaccións grupais que marcarán o transcurso da mesma. Neste caso recomendamos ter unha parte da sesión que sirva unicamente de quencemento, para estimular a risa e crear un ambiente distendido entre os participantes que axude na tarefa posterior.

  1. Potenciar as ideas tolas

Para poder chegar a esas ideas que marcarán a diferencia, débese potenciar a aparición de ideas tolas no grupo. Este non é o momento de avaliar a posibilidade de que se poidan levar a cabo esas ideas, polo que se fomenta que as máis rompedoras ou as formas máis drásticas de resolver os problemas se compartan.

  1. Non criticar as ideas

Durante o brainstorming en si mesmo, non se deben criticar as ideas, polo que se debe insistir no xuízo diferido. Isto é, débese separar a fase de “xerar as ideas” da súa “crítica e avaliación”. Esta fase chegará trala xeración de tódalas ideas posibles, pero para que iso se produza, non se pode coartar nin as ideas dun mesmo nin as dos demais participantes. Neste momento non existen os adxectivos para as ideas (disparatada, imposible, tonta, etc.).

  1. A cantidade favorece a calidade

Moitas veces o éxito é cuestión de probabilidades e o brainstorming é un claro exemplo disto. Canto maior sexa  o número de ideas, máis probable é que apareza a boa. Por iso, é recomendable fomentar constantemente durante a reunión a elaboración das ideas, insistindo únicamente no número, xa que posteriormente se avaliará cada unha delas.

  1. Permitir variacións das ideas

A pesar de que dixemos que non se deben criticar as ideas, o que si se pode facer e é moi útil para ir mellorándoas, é permitir as modificacións das mesmas. Para iso, poden combinarse segundo vaian aparecendo, construíndo novas ideas a partir das xa propostas. Con isto conséguese ver o novo enfoque dunha mesma idea e chegar a solucións que non foron pensadas a priori.

O brainstorming é saír da caixa por un momento, indagar no noso lado dereito do cerebro e explorar a nosa creatividade, xa que todos somos creativos. Non vos autolimitedes cando fagades un brainstorming, porque este precisamente consiste no contrario. Todos podemos participar nun e obter ideas que a priori poden parecernos imposibles.

 

Leave a Reply