Experiencia del paciente
22
Xuñ

O Design Thinking e a experiencia do paciente

O pasado venres 17 de xuño, DesignThinking.gal tivo o pracer de asistir ó primeiro congreso de experiencia do paciente celebrado en España.

O evento, que tivo lugar na sede da Fundación Universidad Rey Juan Carlos de Madrid, comezou ás 9 da mañá coa presentación oficial de Irene Tato, do Instituto para a Experiencia do Paciente IEXP. Estaba acompañada por Visitación López Miranda, Secretaria da Facultade de Ciencias da Saúde, e Cristina González del Yerro, Subdirectora Xeral de Humanización da Asistencia Sanitaria, Consellería de Sanidade, Comunidade Autónoma de Madrid.

IEXP-001

A continuación foi o turno de Glenn Laverack, quen puxo sobre a mesa un concepto moi interesante, o activismo no paciente para defender os seus dereitos. Un activismo que según Glenn “non debe ir en contra das institucións senon apoiarse nelas”.

Primeira mesa: A voz do paciente

Tras Glenn, chegou a primera mesa do día que versaba sobre a voz do paciente. Nesa interesante mesa que contaba coa moderación da incombustible Irene Tato, participaron Juan Pedro De la Morena (Psoriasis en Red), Julio Agredano (Freno al Ictus), Carlos Goicoechea Gª (Prof. URJC) Óscar López Moreno (Vocal COFM) e Juan Fuertes (European Pulmonary Hypertension Association). Unha interesante reflexión deste último sírvenos para ilustrar esta mesa: “Non se pode garantir a sustentabilidade do sistema sen que o paciente teña voz e voto”.

Segunda mesa: Deseño de servizos con pacientes

IEXP-002

Despois dun descanso para repoñer forzas e asimilar todos os conceptos tratados previamente, foi o turno da segunda mesa “Deseño de servizos con pacientes”, moderada por Carolina Egea, que xunto a Irene Tato dinamizaron o evento tanto offline como online, levando o hastag  #iexp2016 a trending topic nacional.

Aquí participaron Cristina Bustillo (CXO do Hospital Sant Joan de Déu), Ander Urruticoechea (xerente Onkologikoa) Juan José Rubio (Mondragón Health) e Antonio Arraiza (Director de Asistencia Sanitaria de Osakidetza). Ainda que a mesa foi de gran nivel, de todas as intervencións quedámonos coa de Cristina Bustillo quen, apoiada nunha presentación moi visual, falounos dun proxecto pioneiro en España onde mediante un proceso de co-creación baseado no Design Thinking transformaron o interior do Hospital Sant Joan de Déu para mellorar a experiencia do paciente.

Terceira mesa: Tecnoloxías e Design Thinking

IEXP-003

Na terceira mesa do día “Tecnoloxías e Design Thinking”, moderada por Antonio López (IEXP), participaron Rodrigo Gómez  (ITEMAS nodo Galicia), Cristina Ibarrola, (Servizo Navarro de Saúde-Osasunbidea), Alfonso Beltrán (Director Xeral de Fipse), Pilar Aparicio (Directora ENS) e Ana Polanco, (Directora de Relacións Institucionais de MERCK).

Ainda que todas as presentación, as cales xiraban en torno á innovación en pacientes en cronicidade, foron moi interesantes, destacou a de Rodrígo Gómez. Nela, ademais de contaxiarnos o seu entusiasmo e as ganas de cambiar as cousas, o noso paisano falounos de como a partir da aplicación do Design Thinking no servizo de Farmacia do CHUS (Santiago de Compostela) conseguiron mellorar notablemente tanto a experiencia do paciente como a eficiencia do mesmo.

Cuarta mesa: Humanización dos coidados

IEXP-004

A derradeira mesa do día “Humanización dos coidados”, moderada por Carlos Bezos (IEXP), contou con Gabriel Heras (Proxecto HUCI), Teresa Martín  (Hospital Clínico San Carlos), Pedro Soriano (FFPaciente), Ignacio Martínez Jover (Director Xerente do Hospital Universitario de Torrejón) e Alba Ancochea,  Directora de FEDER, Federación Española de Enfermidades Raras. Desta mesa destacaríamos as intervencións tanto de Pedro Soriano como de Alba Ancochea. O primeiro falounos de como as redes sociais poden axudar ós pacientes compartindo experiencias e a segunda transmitiunos toda a súa paixón falando dun tema no que todavía queda moito por facer, como son as enfermidades raras.

Despois desta mesa, participamos na comida networking, onde ademais de poder ver e votar ós posters presentados, tivemos ocasión de compartir opinións tanto con relatores como asistentes.

Obradoiro: Escoitando ó paciente para mellorar a súa experiencia

IEXP-005

Tras a comida, participamos no obraodiro “Escoitando ó paciente para mellorar a súa experiencia”, onde en grupos multidisciplinares e mediante a aplicación do Design Thinking, buscamos aspectos a mellorar nos servizos de urxencias, sempre desde o punto de vista do paciente.

Cada un dos cinco grupos centrouse nunha fase temporal da interacción co servizo de urxencias e tras enfocarnos na problemática a arranxar, aportamos solucións mediante un brainstorming. Finalmente cada grupo presentou a súa proposta e recibiu o feedback do resto. De todas as ideas propostas, fíxonos especial gracia “O tigre azul”, un servizo que mediante un xogo de apostas cos turnos dos pacientes facía máis agradable a espera XD

Último relatorio e entrega de premios

Para rematar a intensa xornada, conectamos en directo con EEUU para escoitar a Jason Wolf (Presidente Beryl Institute) quen nos falou de como o traballo na mellora da experiencia do paciente é un movemento global e ainda que queda moito por facer estase a camiñar con paso firme.

Como colofón ó evento, entregouse o premio á mellor iniciativa de experiencia do paciente en España, que este ano foi para a asociación Psoriasis en red.

Gustaríanos concluir este post con algunhas reflexións que quedaron moi patentes nesta interesantísima xornada:

Os cambios sociais e a tecnoloxía están dando cada vez máis poder ás persoas, o que supón un cambio de paradigma en moitos sectores, entre eles o da saúde.

Para avanzar no ámbito da saúde, é fundamental o Design Thinking ou a innovación centrada nas persoas (HCD), onde o paciente ten que formar parte activa do proceso e non ser un mero actor secundario.

Ainda que queda moito por facer, o simple feito de que se teña celebrado este primeiro congreso da experiencia do paciente é un paso moi importante para que no ámbito da saúde se comece a falar das persoas e non de casos.

Queremos agradecer también a IEXP pola excelente organización e facer posible que Designthinking.gal forme parte desta aventura, vémonos o ano que ven!

 

Fotografías: IEXP

Leave a Reply