24
Nov

O Design Thinking e o Movemento Maker

A tan só unhas horas da terceira edición da Maker Faire Galicia (24, 25 e 26 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela), evento no que o noso equipo participa no deseño e desenvolvemento do mesmo, cremos necesario falar deste mundo maker, do que supón no ámbito da innovación e das relacións co Design Thinking.

Antes de nada comezaremos por definir un concepto mkaer. Aínda que a tradución literal é facedor, un maker é moito máis, é un innovador, un creativo que a partir dunha necesidade pon en práctica as súas ideas integrando a tecnoloxía do momento ou desenvolvendo unha nova. Pero se isto foi a nota predominante na evolución humana, por que se fala agora tanto deste termo?

Pois ben, o cambio significativo é que agora, e grazas ás novas canles de comunicación que apareceron con internet e á aparición de software e hardware libre, makers de todo o mundo están a traballar en proxectos abertos e compartindo coñecemento, isto se coñece como o Movemento Maker. Este traballo nunha comunidade multidisciplinar global e moi motivada xera unha innovación tan áxil que supera á de calquera empresa a nivel mundial. Ademais, o traballo con tecnoloxías libres permite democratizalas, facéndoas así accesibles a todos os públicos. Un claro exemplo é o caso das impresoras 3D, que nos últimos dez anos pasaron de ser unha tecnoloxía só accesible a unhas cantas empresas a poder empregarse en moitos fogares e centros de ensinanza.

¿O Movemento Maker é unha oportunidade ou unha amenaza para as empresas?

Lendo o parágrafo anterior moitos poderían botar as mans á cachola pensando que isto vai acabar con moitas empresas a nivel mundial. Porén, nós cremos que a visión debe ser outra, sempre que as empresas entendan este concepto de comunidade.

Un exemplo de empresa que o entendeu perfectamente foi Tesla e o seu CEO Elon Musk, que en 2014 liberou as patentes dos seus coches eléctricos, dando acceso libre á comunidade global dos seus desenvolvementos. Deste xeito conseguir por un lado involucar na evolución da súa tecnoloxía a moitísimo talento mundial e por outro dar un espaldarazo definitivo ó sector dos vehículos eléctricos, xa que en lugar de ver máis competencia, ven máis compañeiros de viaxe que farán forza para lograr un cambio no mundo da movilidade.

Outro exemplo de empresa que aposta por unirse ó Movemento Maker é a creación por parte de General Electric dunha especie de Spin-off chamada Firstbuild, da que nos falou Tomás Garces, Lead Design Engineer at FirstBuild, durante a xornada profesional da Maker Faire Galicia 2017.

Firstbuild creouse como un laboratorio de innovación externo e microfábrica de GE e está centrada en desenvolver unha nova xeración de electrodomésticos intelixentes en comunidade. A maior vantaxe de Firstbuild é que ten todo o bo dunha startup, en axilidade e disrución, así como o soporte dunha gran corporación como GE, no que se refire á canle comercial e músculo financieiro, pero sen a burocracia e os tempos dun xigante deste nivel.

Desde esta Spin-off pódense lanzar ata 1000 unidades de produto por diferentes canles como por exemplo plataformas de crowdfunding, e se ten éxito pasa á canle comercial de GE. Os participantes no proxecto ademais de poder empregar as instalacións deste makerspace son recompensados con royalties polas ventas realizadas.

Que relación hai entre o mundo maker e o Design Thinking?

Desde o noso punto de vista ambos teñen moitas cousas en común e son moi complementarios. Están compostos por perfís innovadores que traballan en equipos multidisciplinares, desenvolven conceptos mediante prototipos e teñen unha gran capacidade de adaptación ós cambios tecnolóxicos, pero sobre todo teñen un mesmo obxectivo final: solucionar unha necesidade.

Os Design Thinkers quizais teñan unha metodoloxía máis marcada e unha visión máis integral do proceso de desenvolvemento dun produto ou servizo, desde a busca da necesidade ó testeo e presentación da solución. Esta visión integral permite unificar o desexable, o factible tecnolóxicamente e o viable económicamente.

Os Makers móvense mellor en contornas máis anárquicas, son moi áxiles na xeración de ideas e no proceso de desenvolvemento das mesmas, xa que contan co factor comunidade. Neste aspecto teñen unha gran habilidade para xerar ideas disrutivas pola súa capacidade de conexión e descontextualización de solucións.

En definitiva ambos mundos son complementarios e aportan valor, por iso nós apostamos por contar con Design Thinkers e Makers nos equipos de innovación das empresas.

1 Response

  1. Pingback : A economía circular | designthinking.gal

Leave a Reply