O Design Thinking na industria 4.0
Como xa comentamos no post de A verdadeira Historia do Design Thinking, esta metodoloxía xorde como unha interpretación máis ampla da metodoloxía do deseño, a cal naceu da man da industria, a transformou e se mantivo con ela durante toda a nosa historia recente. É por iso que non se entende a nova industria, smart factory ou industria 4.0 sen a participación do Design Thinking, tanto para o deseño de produtos coma de procesos, servizos ou experiencias.
Edificio da Bauhaus, fonte Index Grafik
Para entender tanto o impacto da nova industria coma a relación que ten coa metodoloxía do Design Thinking, antes temos que definir que é isto da industria 4.0.
Que é a industria 4.0?
A industria 4.0 xorde a partir da reflexión de que o acelerado cambio tecnolóxico que vivimos está a producir unha nova revolución industrial, que sería a cuarta, de ahí o 4.0.
Fonte: Spica software
Antes desta vivimos outras revolucións que tamén viñeron dadas por un cambio tecnolóxico, no caso da primeira foi a máquina de vapor, na segunda a aparición da electricidade e a produción en serie e na terceira a aparición da informática e a robótica.
Esta cuarta revolución industrial caracterízase polo emprego de máquinas intelixentes interconectadas e a análise de datos dos usuarios no tempo real para a toma de decisións. Articúlase arredor de varias tecnoloxías que cambiarán o mundo como o entendemos hoxe, como son a intelixencia artificial, o big data, a realidade virtual, a impresión 3D, a robótica colaborativa, o blockchain, IoT (o internet das cousas) ou a ciberseguridade.
Fonte: Innovation brokers
Cando naceu o concepto industria 4.0
Se facemos un percorrido histórico polas crises máis potentes dos últimos anos a nivel mundial, podemos observar como despois das mesmas se producen importantes cambios tanto no social coma no económico ou no tecnolóxico.
Nesta ocasión sucedeu de novo e tras o colapso financeiro mundial e as crises do 2008, comeza a tomar forma un novo xeito de entender o mundo, onde o físico e o dixital tenden a atoparse. Nestes anos sen ir máis lonxe aparecen metodoloxías de innovación coma o Design Thinking ou Lean Startup, coñécese a nivel global o xrowdfunding da man de kickstartes ou se desenvolve o blockchain.
Así, o concepto industria 4.0 naceu na feira da tecnoloxía industrial de Hannover no ano 2011. Tanto Alemaña coma EEUU foron os dous países que antes implementaron unha nova estratexia de reindustrialización que lles permitiu estar preparados para esta nova revolución.
Os cambios que provocará a Smart Industry
A Smart Industry ou Industria 4.0, vai supoñer unha transformación total tanto a nivel económico como social ou empresarial, o que nos obligará a reinventarnos e a ser máis creativos que nunca.
No plano económico vai supoñer un gran impacto xa que os procesos de fabricación xa non dependerán tanto dos costes da man de obra, o que probablemente descentralizará a produción de Asia. Isto afectará tamén no plano social, xa que moitos empregos desaparecerán, creándose outros novos que hoxe en día non existen, o que nos levará a un profundo cambio educativo.
A nivel empresarial esta revolución afectará por riba de todo nos procesos das compañías, que terán que ser redeseñados implementando novas tecnoloxías que lles permitan ser competitivas. A análise dos usuarios en tempo real e a interconexión destes datos coa produción permitirá unha flexibilidade e unha adaptación ao mercado nunca antes vista.
Por que o Design Thinking é importante na industria 4.0
O Design Thinking aséntase en tres piares fundamentais, as necesidades do usuario, a tecnoloxía e a economía, poñéndoos en equilibrio para chegar a unha innovación significativa.
Como comentamos anteriormente, unha revolución desta magnitude vai ter un gran impacto nestas tres áreas e serán necesarias ferramentas que nos permitan abordar tanto o proceso de transformación dixital e tecnolóxico, coma o social ou económico, que se levarán a cabo nos próximos anos.
Neste sentido a metodoloxía do deseño ata o 2008, e a partir de ahí Design Thinking, preséntase como a ferramenta de innovación ideal para este proceso, tanto pola súa dilatada traxectoria de aplicación (máis dun século), como polo seu coñecemento da industria, a tecnoloxía e os usuarios.
Así o Design Thinking axudaranos a redeseñar procesos de fabricación ou creación de produtos ou servizos tanto físicos como dixitais permitiranos deseñar novas formas de interacción coas máquinas e daranos a posibilidade de crear experiencias máis personalizadas para os nosos usuarios.
A análise dos datos destes usuarios será cada vez máis importante nos procesos de fabricación ou creación de produtos ou servizos, polo que aínda que se nos presente un horizonte deshumanizado cheo de máquinas intelixentes e robots, o futuro pasa máis que nunca pola innovación centrada nas persoas.