18
Xan

O grupo de discusión ou focus group

Hoxe traémosvos un post sobre unha das técnicas que soemos empregar nos nosos traballos de consultoría para empresas, estamos a falar do grupo de discusión ou focus group, unha ferramenta cunha longa tradición de uso en distintos ámbitos e, especialmente, na investigación de mercados.

Como sabedes, se coñecedes a metodoloxía do Design Thinking, a primeira fase do proceso é Empatizar. Nesta fase tratamos de coñecer o máximo posible ó noso público obxectivo: os seus desexos, as súas inquietudes, as súas necesidades… Para obter esta información temos múltiples posibilidades, desde utilizar técnicas de investigación cuantitativas, como a enquisa, a técnicas de investigación cualitativas, entre as que se atopa a entrevista en profundidade, a observación ou, no que nos imos a centrar hoxe, o grupo de discusión.

Que é un focus group ou grupo de discusión?

O focus group, definido dun xeito sinxelo, non é máis que unha reunión de grupo onde se conversa ou debate acerca dun tema concreto. Hai un perfil clave que é o moderador, imprescindible para guiar ó grupo durante a sesión. O moderador ríxese por unha guía de tópicos ou guión da reunión, elaborado previamente, onde se recollen algunhas cuestións, puntos e subtemas a tratar ó longo da sesión. Por exemplo, se imos a falar da situación actual da sanidade (tema xeral), algúns dos subtemas poden ser: os servizos existentes, a atención sanitaria dos profesionais, os recursos… Dentro dos recursos algúns puntos a tocar poden ser: os recortes sanitarios recentes, os recursos humanos, a tecnoloxía dispoñible, etc.

O moderador non pode ser calquera persoa, necesitamos un perfil especialista, cunha formación axeitada e con experiencia na realización deste tipo de dinámicas; gran parte da cantidade e calidade dos datos que obteñamos co grupo van depender de que o moderador saiba facer ben o seu traballo, consiga facer sentir ben ós participantes e os motive durante a sesión. Por todo isto é fundamental a capacidade de comunicación e empatía que teña o moderador, creando un ambiente agradable e pracenteiro no que os participantes se sintan relaxados e teñan ganas de interactuar.

En canto a cuestións máis técnicas, o grupo de discusión componse dun moderador, como xa dixemos, e entre 6 e 8 participantes, non sendo recomendable facer grupos de maior número, tanto pola maior complexidade para o moderador como polas complicacións para poder intervir todos durante a sesión.

Os participantes do grupo normalmente son seleccionados por algunhas das súas características (xénero, idade, clientes dalgunha marca concreta, usuarios dun tipo de produto, posto de traballo…) e non deben saber nada ou practicamente nada do que van falar, así non virán condicionados e serán máis sinceros. Ademais, normalmente reciben unha compensación económica como agradecemento polo seu tempo e a súa implicación no grupo.

A sesión dura un máximo de dúas horas e ó longo dese tempo o moderador irá tocando tódolos puntos que propuxera no seu guión. A idea é que o moderador non opine, sexa un simple guía que axude a dirixir a conversa cara os temas a tratar según vaian saíndo con naturalidade, que tamén axude a axilizar o grupo, a fomentar que todos participen, a axudar ó diálogo e a evitar o estancamento nalgún tema.

Tras a realización de/dos grupos de discusión que plantexáramos para o noso estudo toca a ardua tarefa de transcrición, análise, síntese e redacción do informe. Algo que daría para outro post moooooi longo. Así que se tedes interese nisto non dubidedes en dicírnolo 😉

As vantaxes ou beneficios de empregar focus group

En canto ós beneficios, esta técnica é moi recomendable porque é unha das formas máis naturais para que as persoas expresen as súas opinións, pensamentos e desexos. É unha simple conversa entre persoas acerca de algo que teñen en común, polo que non resulta excesivamente artificial nin cohibe ós participantes. Ademais disto, o focus group ten moitas outras vantaxes:

-En relativamente pouco tempo podemos ter unha gran cantidade de información.

-Permite coñecer a realidade de diferentes persoas e grupos e comparalos dunha forma sinxela.

-É unha dinámica bastante entretida polo que os asistentes acostuman ser moi participativos.

-É útil tanto en fases iniciais dun proxecto ou investigación (fase de empatizar do Design Thinking) como para corroborar hipóteses ou realizar melloras (fase de testeo).

En definitiva, esta técnica axudarános a conseguir toda a información necesaria, tanto para empatizar co usuario ou cliente e detectar os insights na fase de definición, como para testear o noso produto ou servizo. Para nós é unha técnica indispensable nos nosos proxectos e que, ademais, nos encanta poñer en práctica 🙂

Leave a Reply