7
Xuñ

O marketing preditivo

Un día calquera nas nosas vidas pode comezar cun café a primeira hora da mañá mentres consultamos o noso timeline de Twitter. Proseguimos buscando algo en Youtube, un vídeo sobre como empregar un novo dispositivo/aplicación/programa que compramos, para logo entrar en Facebook a ver que fixeron os nosos amigos nas últimas horas…

Ata aquí todo ben… e nada relacionado aparentemente co título que leva este post. Pero cando entramos en Facebook, mentres vemos o taboleiro, aparece un anuncio do dispositivo/aplicación/programa que vimos á mañá, por exemplo… Ademais, mentres viamos o vídeo de Youtube apareceunos unha vez máis o anuncio que nos amosaron xa unhas cantas veces nas últimas semanas e que, curiosamente, vai moi dirixido á nosa franxa de idade e xénero (véxase o caso de Clearblue, chíscoche un ollo se es muller entre 25 e 35 anos).

Con todos estes datos xa vos podedes facer unha idea do que imos a falar hoxe. Si… o Big Data, tooooooodos eses datos que nós regalamos ás empresas cando nos rexistramos para desfrutar dos seus servizos, todos os datos que recopilan do noso comportamento na Rede, etc. Estes datos son a base do que se chama marketing preditivo, pero que é?

En que consiste o marketing preditivo

O marketing preditivo non é máis ca un método que se basea no Big Data para extraer datos relevantes (en tempo real) sobre o comportamento dos usuarios, de tal xeito que lle permita definir os patróns de comportamento e anticiparse ás necesidades dos usuarios ou ás próximas accións que van a realizar. A partir desta análise deséñase unha estratexia de marketing acorde ás necesidades dese target que identificamos previamente, por exemplo, amosándolle unha publicidade acorde ós seus gustos, amosándolle artigos ou produtos que complementen a outros produtos dos que dispón…

Aínda que actualmente se lle está a dar moito bombo ó marketing preditivo, é algo que se ven empregando desde fai anos.

marketing predictivo

Exemplos de marketing preditivo

Xa no 2012 a cadea de supermercados Target saliu á palestra por un caso moi mencionado nos medios. Resulta que este supermercado comezou a amosar anuncios sobre produtos prenatais a unha adolescente de 17 anos, o pai da mesma emitiu queixas por esta actuación… pero tívose que retractar xa que o supermercado detectara o embarazo da moza antes de que el o soubese (ups!!).

Amazon é outro exemplo de empresa que emprega amplamente o marketing preditivo, seguro que se tedes mercado ou consultado produtos en Amazon, ó seguir facendo uso do servizo vos apareceron suxerencias relacionados con eses produtos. Este uso da información é responsable do 30% das ventas de Amazon, é dicir, que isto do marketing preditivo vai a resultar bastante útil 😉

Vantaxes do marketing preditivo

O marketing preditivo supón numerosas vantaxes respecto ó marketing tradicional, no só para as empresas, tamén para os usuarios. Algunhas das vantaxes son:

  • En primeiro lugar (aínda que poida dar un pouco de medo que os nosos datos pululen por toda a Rede e existan conflitos e debates relacionados coa privacidade/protección dos datos) resulta máis amable ou menos molesto/agresivo para os usuarios, xa que ó analizar os seus gustos e necesidades a publicidade será de maior interese ou solucionará un problema actual e real do propio usuario.
  • En segundo lugar, aínda que incorporar o marketing preditivo como parte da estratexia da empresa poida ser caro ó comezo, a análise realizada con este modelo redundará nunha estratexia de marketing moito máis efectiva e, polo tanto, rendible a longo prazo.
  • En terceiro lugar poderemos saber con bastante exactitude o momento actual dun produto e cal é o seu ciclo de vida en función das tendencias de consumo dos usuarios.
  • En cuarto lugar, como a análise é máis exhaustiva, permite facer unha mellor segmentación do noso target, adaptándose en maior medida ás súas necesidades.
  • Por último, incrementa o engagement do usuario coa nosa marca, xa que a experiencia de uso é maior e lle estamos a solucionar problemas ou aportando valor.

Como vedes, empregar o marketing preditivo ten moitas vantaxes, pero sobre todo co que nos quedamos é que o seu éxito se debe en gran medida a que se centra nas persoas, tratando de “coñecelas” ó máximo para predicir as súas “necesidades”.

Leave a Reply