19
Dec

O papel da cultura no Design Thinking

Xa mencionamos en diversas ocasións a importancia que ten a cultura cando se trata de innovar, desenvolver produtos ou servizos ou simplemente melloralos; pero nunca tratamos este tema en profundidade. Agora que entramos de cheo no Nadal, e nos bombardean por todas partes con anuncios e catálogos de xoguetes, imos aproveitar un claro exemplo que nos amosará a importancia que ten a cultura e escoitar ós consumidores.

Como cambiamos! E a cultura con nós

Fai non tantos anos valorábase que as nenas xogaran con bonecas, con cociñas de xoguete, fixeran de enfermeiras… mentres os nenos xogaban con cohes, caixas de feramentas e facían o papel de grandes médicos. Iso valorábase, buscábase e era demandado. Se foi antes a galiña ou o ovo (os consumidores o demandaban e as empresas o producían ou viceversa) é difícil sabelo, e non é o tema que nos ocupa neste post, aínda que sería un debate moi interesante.

Hoxe (e desde fai xa uns anos) isto non están tan ben visto, de feito hai un gran movemento que loita por eliminar eses estereotipos dos xoguetes infantís (e de tódolos ámbitos en xeral). As nenas xa non son rosas nin os nenos son azuis, e se son unha nena e me gustan os camións ou son un neno e me gusta xogar con bebés xa non é un problema, non hai que tratar de ocultalo nin reconducilo, é algo normal, porque para gustos cores e non seremos nós quenes lle digamos a un pequerrecho o que lle ten que gustar ou non.

A resistencia ao cambio das marcas

Aínda que agora nos poida parecer lóxico, este cambio é bastante radical e a día de hoxe moitas marcas manteñen eses estereotipos. Para mostra un botón:

É certo que estes catálogos van incluíndo exemplos de nenos usando xoguetes típicos de nenas e viceversa, pero a tónica xeral é que se manteñan os estereotipos… Danse pasiños lentamente, pero quizais máis lento do que a sociedade demanda.

A importancia de escoitar ós consumidores e evolucionar con eles

Un exemplo desa evolución é o catálogo deste ano de Toy Planet, o cal fíxose viral, cun montón de me gustas, compartidos, retuits… nas distintas redes sociais. Se non o viches estarás a preguntarte o porqué, pois por isto:

Non é algo que veña de agora, xa que desde fai tempo esta marca promove a eliminación de estereotipos, pero quizais co catálogo deste ano conseguiron facer realidade ese gran cambio, prestando atención para romper todos eses estereotipos. Eles mesmos recoñecen que escoitaron ós consumidores coas súas protestas nas redes sociais, viron que a sociedade estaba a cambiar e demandaba outra cousa e, grazas a esa escoita activa, posicionáronse como unha das primeiras marcas de xoguetes en romper co pasado e avanzar cara unha sociedade onde os roles de xénero xa non están envoltos nese velo de estereotipos no que estabamos ata o de agora.

E non só loitan contra estereotipos de xénero senón que normalizan a presenza de colectivos como o down, que neste tipo de catálogos ata o de agora non se amosaban e non ten sentido, todos son nenos e ós nenos gústanlles os xoguetes 🙂

É por exemplos coma o que vos acabamos de ensinar que é tan importante escoitar ós consumidores. Non só para poder satisfacer as súas necesidades, que debería ser o primeiro, senón porque os consumidores cambian, a sociedade cambia, a cultura cambia… e todos eses cambios poden facer que o que ata o de agora funcionaba ben pase a ser un desastre. Por iso o Design Thinking é tan útil, é unha ferramenta de análise constante, que nos permite visualizar esa evolución que se produce na sociedade e nos consumidores, que nos permite mellorar día a día para adaptarnos ó usuario que temos diante, impedíndonos cometer erros ou minimizándoos na medida do posible.

Así que aproveita estas vacacións para facer unha análise do teu proxecto, produto, servizo ou marca empregando o Design Thinking… cambiou o teu usuario? está a cambiar? é posible que cambie? Así saberás canto antes se debes adaptarte á evolución cultura que se está a producir constantemente 😉

Leave a Reply