6
Mar

O papel do Design Thinking nos Recursos Humanos ou RRHH

Hoxe imos falar da aplicación do Design Thinking nos Recursos Humanos. Aínda que noutro post xa deixamos caer a importancia dalgúns factores como a empatía para a creación dun bo ambiente laboral, nunca falamos directamente do papel do Design Thinking nos Recursos Humanos.

A transformación dixital como xeradora de incerteza

Aínda que quizais o mellor sexa empezar por facer unha análise do contexto actual. Hoxe en día son moitas as empresas que están en pleno proceso de transformación dixital (IE Business School y Divisadero, 2017). A rápida e asombrosa evolución dalgunhas tecnoloxías fomentou este proceso e aquelas empresas que aínda non deron o paso, non tardarán en facelo, é o simple “renovarse ou morrer” en versión empresarial.

Estes cambios fugaces dentro das empresas xeran un gran malestar debido á incerteza que sofren os empregads, que se ven sometidos a novas formas de traballo, novas ferramentas, novas metodoloxías… e mesmo cambios de tarefas que non realizaron nunca. Esa incerteza non só é perxudicial para a propia persoa que a sofre, senón para toda a contorna laboral, e por iso as empresas, e os departamentos de Recursos Humanos en especial, deben facerse cargo delas.

Recursos Humanos: da xestión de procesos ó deseño de experiencias

A transformación dixital, entre outros motivos, provocou un cambio sustancial no concepto que tiñamos ata agora de Recursos Humanos. Este departamento debe centrarse agora na análise das necesidades e desexos dos traballadores, marcando obxectivos que se dirixan a aumentar a súa satisfacción na empresa. Por iso a labor principal deste departamento xa non debe centrarse na xestión de procesos ou a creación de programas para os empregados exclusivamente, agora o foco está en deseñar experiencias significativas para os propios traballadores.

Se esta labor se centra na análise das necesidades e desexos, se debe redeseñar a experiencia de tal xeito que inclúa o espazo físico de traballo, as relacións entre compañeiros, a forma de traballo en equipo, o propio deseño dos equipos de traballo e mesmo o estilo de liderado dentro da empresa. Se conseguimos redeseñar a experiencia do empregado atendendo a estes factores non só conseguiremos mellorar e satisfacer as necesidades do traballador, tamén melloraremos de forma indirecta a produtividade do mesmo, xa que empregados máis felices son máis produtivos (Sarwat, 2018).

Recursos Humanos e Design Thinking

Como xa dixemos en diversas ocasións o Design Thinking é aplicable a calquera ámbito de traballo, xa o vimos en marketing ou en saúde, por exemplo, e hoxe imos falar da súa aplicación ós Recursos Humanos.

Como dixemos a labor deste departamento vai tender cara a análise das necesidades dos empregados, por iso nada mellor que unha metodoloxía que pon no centro ás persoas para mellorar a experiencia do traballador.

Pero non só é que o digamos nós, unha enquisa realizada no ano 2016 afirmaba que o 79% dos executivos consideraba o Design Thinking como unha prioridade á hora de afrontar os retos do talento e o 50% dos que o implementaran consideraba que fora un éxito. Ademais, aquelas empresas que empregaban o Design Thinking en Recursos Humanos recibían mellores calificacións en relación á xeración de valor para o negocio (Deloitte University Press, 2016).

Porén tan só un 12% recoñecía que o estaban a implementar totalmente. Isto reafirma a idea de que todavía queda moito por facer neste ámbito (Deloitte University Press, 2016).

 

 

Design Thinking, Recursos Humanos e Transformación dixital

Se o Design Thinking xa xoga un papel importante na análise do empregado, como comentabamos no post da semana pasada, máis aínda se introducimos o factor da transformación dixital.

Os departamentos de Recursos Humanos deben redeseñar a experiencia do empregado atendendo a estas novas tecnoloxías que se incorporaron velozmente nas empresas. Deben analizar como os empregados empregan estas novas tecnoloxías e como se pode redeseñar o proceso ou o seu uso para facerlle a vida máis fácil ós empregados, ou dito doutro xeito, mellorar a experiencia de uso 😉

Exemplos de Design Thinking aplicado ós Recursos Humanos

Para moitas empresas a innovación supón unha loita contra esa nova forma de traballar ou xerar produtos ou servizos. Son as empresas que afrontan con ánimo e optimismo esa loita as que se beneficiarán máis da aplicación do Design Thinking en todos e cada un dos departamentos da empresa.

Por exemplo, multinacionais como Citrix (dedicada ó ámbito da computación na nube), SAP (centrada no deseño de produtos informáticos de xestión empresarial) ou Procter & Gamble (bens de consumo) levan anos empregando esta metodoloxía para o desenvolvemento das competencias relacionadas coa innovación nos seus empregados. Concretamente no ámbito dos Recursos Humanos o Design Thinking axuda a construír unha organización innovadora mediante a integración dunha nova mentalidade, novas actitudes, ferramentas e capacidades en todos os proxectos que se desenvolven na empresa (Coene, 2017).

Workshop de Design Thinking en Citrix. Fonte: Coene, 2017

Outras enfocan o uso do Design Thinking na mellora da aprendizaxe dos empregados. Empresas como Nestlé ou Qualcomm utilizaron esta metodoloxía para o desenvolvemento de programas de aprendizaxe experiencial moi intuitivos. Estes programas comezan co propio empregado no seu contexto de traballo, en lugar dun modelo ou simulación. Por iso estes programas son máis atractivos para os empregados e máis estimulantes, o que produce unha maior retención da aprendizaxe e a mellora das habilidades. Se se unen estes programas á incorporación de novas tecnoloxías sería unha boa forma de fomentar a aprendizaxe continua (Deloitte University Press, 2016).

Coca-Cola tamén se sumou ó uso do Design Thinking en Recursos Humanos. En 2013, dada a introdución das novas tecnoloxías e unido a un cambio na organización, modificaron a visión que tiñan dos seus empregados e pasaron a consideralos non como traballadores senón como clientes dos seus servizos. Ao cambiar esta percepción dos seus empregados estes pasan a ser o centro do valor da compañía e o obxectivo é, polo tanto, que desfruten dunha boa experiencia na mesma.

Fonte: Steckiw, 2015

Para iso aplicaron o Design Thinking, na fase de empatizar trataron de responder a unha serie de preguntas clave: como humanizar a contorna dixital, analizar o uso dos servizos, nivel de desfrute dos empregados e como crear unha experiencia do empregado acorde ó valor de marca de Coca-Cola. Esta metodoloxía fixo que se esqeuceran do tradicional mapa de procesos e puxeran o foco nas persoas, é dicir, nos seus propios empregados.

A partir da información extraída analizaron as necesidades e desexos dos seus empregados, elaborando o que poderiamos chamar Employee Experience Journey Map ou Mapa da Experiencia do Empregado a partir do cal se tomarían as decisións da compañía, axustándose ás verdadeiras necesidades dos seus traballadores. O resultado foi a creación dunha experiencia do empregado relacionada coas tecnoloxías totalmente intuitiva e agradable, tanto no que se refire ó ámbito dixital como ao móbil (Steckiw, 2015).

 

Referencias bibliográficas:

Coene, S. (2017). Why HR is embracing Design Thinking. Recuperado el 12 de marzo de 2018 de https://medium.com/@saracoene/why-hr-is-embracing-design-thinking-adec62cf0c3

Deloitte University Press, 2016. Tendencias globales en capital humano 2016. La nueva organización: un diseño diferente. Recuperado el 5 de marzo de 2018 de https://www2.deloitte.com/content/dam/Deloitte/pa/Documents/human-capital/2016_PA_CapitalHumanoTrends_Esp.pdf

IE Business School y Divisadero (2017). Barómetro Divisadero. Recuperado el 5 de marzo de 2018 de http://www.divisadero.es/wp-content/uploads/Barometro_Divisadero_2017.pdf

Sarwat, M. (2018). ¿Sabes lo productivo que es “divertirse” trabajando? Recuperado el 5 de marzo de 2018 de https://www.linkedin.com/pulse/sabes-lo-productivo-que-es-divertirse-trabajando-miguel-sarwat/

Steckiw, M. (2015). How The Coca-Cola Company used service design to take a human-centred approach to HR. Recuperado el 12 de marzo de 2018 de http://designforeurope.eu/news-opinion/how-coca-cola-company-used-service-design-take-human-centred-approach-hr

Leave a Reply