Os equipos multidisciplinares (II)
As vantaxes derivadas do traballo con equipos multidisciplinares veñen dadas polas interaccións entre os membros que os conforman. Neles non se soen establecer niveis de xerarquía, o que require que o/s líder/es que xurdan deben manexar ben a organización das tarefas, os tempos e os debates, para poder extraer tódolos beneficios que poden dar de si este tipo de grupos de traballo.
Por unha banda, a diversidade de puntos de vista aportados por cada un dos membros vai mellorando consecutivamente o resultado alcanzado en cada fase. Cando se trata dun problema ou dunha decisión, o dispor de diferentes perspectivas acelera ou adianta futuros problemas e escenarios posibles, facilitando a toma de decisións en base a argumentos máis completos.
Por outra banda, neste tipo de equipos de traballo soe aparecer o fenómeno da sinerxia. En cada interacción ou reunión do equipo xérase moita máis información e máis valiosa da que aportaría cada un dos membros de maneira individual, o cal é, sen dúbida, un bo argumento para apostar por eles.
Desta maneira acadanse mellores resultados, xa que ó traballar con equipos conformados por profesionais de diferentes disciplinas, a calidade do traballo vese incrementada. As aportacións de cada membro do equipo poden ser complementadas polas dos demais, conseguindo así abordar o proxecto en cuestión desde unha perspectiva integral.
En relación á toma de decisións, os equipos multidisciplinares aportan un valor engadido xa que as decisións, que deben ser acadadas por consenso, son manexadas e valoradas desde diferentes perspectivas.
Ademais, en términos xerais, estes equipos son un medio eficiente para realizar proxectos e tarefas. A súa conformación crea un escenario de colaboración que permite ás persoas de diferentes áreas intercambiar información, desenvolver novas ideas, solucionar problemas e coordinar proxectos complexos.
Nun primeiro momento prodúcese un maior consumo de tempo que nunha tarefa grupal máis homoxénea (polo establecemento de lazos e tipos de interaccións, polo debate sobre as diferentes puntos de vista do problema, porque costa máis chegar a un acordo entre os membros, etc.). Sen embargo, nas seguintes fases redúcense os tempos e conseguintes custos ó adiantarse futuros problemas ós que van poñendo solucións con maior antelación. Ademais, o reparto das tarefas en función da disciplina axuda a diminuír o tempo investido en investigar áreas que se descoñecen, garantindo con iso un mellor resultado.
Como vedes, os beneficios derivados do traballo en equipos multidisciplinares son moitos e compensan as dificultades que poden xurdir durante o mesmo. Nós témolo claro, e ti?
