Os equipos multidisciplinares
Hoxe volvemos falar de equipos para tratar con máis detemento a idea de equipos multidisciplinares, un dos puntos clave á hora de desenvolver a metodoloxía do Design Thinking na realización dun proxecto. Un exemplo que ilustra perfectamente a nosa aposta por este tipo de equipos é o caso de Barbara Beskind, unha muller que comezou como deseñadora en Ideo con 90 anos.Ela é membro do equipo de creadores desta empresa na que deseña e ademais ten un papel clave en relación ós produtos elaborados para maiores, xa que aporta a visión dos propios usuarios respecto dos produtos que se están a deseñar. Este é tan só un exemplo da conformación de equipos multidisciplinares onde se incorporan persoas de diferente perfil para aportar a súa visión durante todo o proceso.
Neste caso concreto, incorpórase ademais ós equipos de traballo a visión e a comunicación directa do usuario do produto, o cal enriquece enormemente todo o proceso de deseño. Actualmente, é imposible dominar tódalas áreas que son necesarias para levar a cabo un proxecto, ben sexa do ámbito social, educativo, industrial, sanitario, etc.
Cada un de nós temos unha maior facilidade ou capacidade para facer determinadas tarefas ou disciplinas de traballo e podemos aportar moito cando formamos parte dun equipo de traballo, aínda que nos sintamos moi diferentes ó resto do grupo. A procura da complementariedade non só mellora o resultado final senón que tamén optimiza os recursos empregados no proceso.
Todo isto acrecenta as probabilidades de éxito e sobre todo, incrementa a aprendizaxe de cada un dos membros do equipo, xa que escoitar as perspectivas doutros perfís flexibiliza a nosa mente e nos axuda a “saír da caixa”.
As vantaxes derivadas do traballo con equipos multidisciplinares veñen dadas polas interaccións entre os membros que os conforman. Neles non se soen establecer niveis de xerarquía, o que require que o/s líder/es que xurdan deben manexar ben a organización das tarefas, os tempos e os debates, para poder extraer tódolos beneficios que poden dar de si este tipo de grupos de traballo.
Por unha banda, a diversidade de puntos de vista aportados por cada un dos membros vai mellorando consecutivamente o resultado alcanzado en cada fase. Cando se trata dun problema ou dunha decisión, o dispor de diferentes perspectivas acelera ou adianta futuros problemas e escenarios posibles, facilitando a toma de decisións en base a argumentos máis completos.
Por outra banda, neste tipo de equipos de traballo soe aparecer o fenómeno da sinerxia. En cada interacción ou reunión do equipo xérase moita máis información e máis valiosa da que aportaría cada un dos membros de maneira individual, o cal é, sen dúbida, un bo argumento para apostar por eles.
Desta maneira acadanse mellores resultados, xa que ó traballar con equipos conformados por profesionais de diferentes disciplinas, a calidade do traballo vese incrementada. As aportacións de cada membro do equipo poden ser complementadas polas dos demais, conseguindo así abordar o proxecto en cuestión desde unha perspectiva integral.
En relación á toma de decisións, os equipos multidisciplinares aportan un valor engadido xa que as decisións, que deben ser acadadas por consenso, son manexadas e valoradas desde diferentes perspectivas.
Ademais, en términos xerais, estes equipos son un medio eficiente para realizar proxectos e tarefas. A súa conformación crea un escenario de colaboración que permite ás persoas de diferentes áreas intercambiar información, desenvolver novas ideas, solucionar problemas e coordinar proxectos complexos.
Nun primeiro momento prodúcese un maior consumo de tempo que nunha tarefa grupal máis homoxénea (polo establecemento de lazos e tipos de interaccións, polo debate sobre as diferentes puntos de vista do problema, porque costa máis chegar a un acordo entre os membros, etc.). Sen embargo, nas seguintes fases redúcense os tempos e conseguintes custos ó adiantarse futuros problemas ós que van poñendo solucións con maior antelación. Ademais, o reparto das tarefas en función da disciplina axuda a diminuír o tempo investido en investigar áreas que se descoñecen, garantindo con iso un mellor resultado.
Como vedes, os beneficios derivados do traballo en equipos multidisciplinares son moitos e compensan as dificultades que poden xurdir durante o mesmo. Nós témolo claro, e ti?