Propósito de ano novo: fomentar a CREATIVIDADE
Coa chegada do novo ano somos moitos os que facemos unha listaxe de propósitos que cumplir durante os seguintes 365 días. Nos este ano propuxémonos fomentar a nosa creatividade… e a de todos vos!Pero…. que é a creatividade? Segundo a RAG é a facultade de crear ou a capacidade de creación. E quen ten esa capacidade? TODOS. Xa o diciamos fai uns meses, todos somos creativos, todos podemos crear, tan só é unha cuestión de confianza, de saber que se queremos, podemos. Así que hoxe deixámosvos unha listaxe coas 8 actividades que debemos ter presentes este ano se queremos potenciar a nosa creatividade:
- En primeiro lugar, vólvete curioso. Volve a ser un rapaz, pregunta o porqué das cousas, ainda que che pareza algo obvio, ainda que sexa algo cotián ou rutinario, intenta averiguar que hai detrás dese obxecto ou situación.
- Unido ó anterior, observa. Presta atención ó teu redor, ás persoas, ós animais, á natureza… nunca se sabe de onde pode vir a inspiración.
- Xera moitas ideas. As primeiras soen ser as máis básicas, non as descartes e deixa tempo para xerar máis. Despois desenvólveas con maior profundidade, verás como obtés solucións que xamáis imaxinaras.
- Non te cortes. Non te anules. Exprésate e expresa todo o que se che pase pola cachola. Cando estamos no medio dun proceso creativo ou de creación de ideas a censura non está permitida: das ideas máis esaxeradas poden sair as mellores solucións a un problema.
- As mellores ideas saen dun grupo. Rodéate de xente diferente, que se formara en distintos ámbitos e que teña intereses complementarios. A disparidade de visións enriquecerá a xeración de ideas.
- Ofrece e recibe sempre feedback. Avaliar e ser avaliado é unha actividade fundamental para saber se imos polo bo camiño, as críticas costructivas non farán outra cousa mais que mellorar a nosa proposta ou idea.
- Sal da caixa (think outside the box). Mira o teu proxecto dende outra óptica, incluso atrévete a sair literalmente do proxecto: pasea, camiña, despéxate, fai outra actividade e logo retoma a túa idea, verala con outros ollos.
- Non olvides a rutina. É fundamental dentro do caos que se forma no proceso creativo ter unhas rutinas, tanto para recordarnos que debemos adicar un tempo diario a ser creativos como para non perder o norte e poder retomar o resto de actividades.
Dende a nosa sede xa estamos a poñelas en práctica, agora tócache a ti 😉
