17
Dec

Que aprendizaxes sacamos deste 2020

Agora que termina o 2020 cremos que é un bo momento para facer balance deste ano tan particular, extraer as aprendizaxes que nos deixa e definir os propósitos de fronte ao ano 2021.

Se tivésemos que definilo cunha palabra, o 2020 foi o ano da adaptación. Adaptación a unha nova realidade que no principio do ano poucos podían imaxinar e que nos levou a cambiar por completo a nosa forma de relacionarnos coa contorna, tanto a nivel profesional como persoal.

Esta nova realidade destapou de forma radical as vergoñas dos diferentes sistemas, xa que na súa maioría non están pensados para o mundo que vén, senón para un que xa non existe.

Levamos anos escoitando que o mundo do futuro non será lineal, senón exponencial, pois ben, o futuro xa está aquí. Estamos convencidos de que o impacto que vai ter este 2020 acelerará moitos cambios estruturais, tanto sociais como educativos ou empresariais, que ata a data avanzaban lentamente, xa que aínda que eran prioritarios non eran urxentes e a ninguén lle apetecía meterse nese “fregao”. 🙂

Dentro deste ecosistema en Designthinking.gal este ano sacamos unha serie de aprendizaxes que queremos compartir convosco:

A consciencia do tempo

Unha das aprendizaxes deste 2020 foi, sen dúbida, ser conscientes do tempo que dedicamos a facer o que facemos e con quen, e do valor que ten ese tempo. Nesa realidade anterior moitas veces non o eramos, podiamos cruzar un país para reunirnos 30 minutos e non sacar nada en limpo ou empezar proxectos con axentes que máis aló de sumar só restan. Cremos que ese modelo xa non vai volver, as viaxes pensaranse cada vez máis, xa non só a nivel nacional, senón dentro da mesma cidade, así como os compañeiros que che acompañen no mesmo (baixo a formulación de “se se acaba o mundo que me pille con xente que achegue”).

O valor do básico

Esa frase que di que non valoramos o que temos ata que o perdemos poderíase aplicar perfectamente a este ano. Algo tan básico como ir ao monte para pasear, cear nun restaurante coa túa parella, tomar unhas cervexas con amigos ou reunirte co teu equipo de traballo, ata fai nada era a rutina e hoxe en día pasou a ser un dos mellores momentos da semana, do mes ou mesmo do ano. Estamos convencidos de que o básico vai recuperar o valor que nunca debeu perder, porque é sinxelamente o que nos fai humanos.

Efecto bolboreta

Durante os meses máis duros da pandemia puidemos observar como o medo paralizou a gran parte da sociedade, deixándonos nun estado de aletargamento máis propio doutros mamíferos que dos humanos. Esta parálise durou ata que os perfís máis proactivos pasaron á acción, iso desencadeou un efecto bolboreta que axudou a que se puidese poñer en marcha o motor.

A importancia da comunidade

Cando falabamos sobre innovar a través do design thinking durante a crise do coronavirus, comentamos que comunidades como a maker ensinaron ao mundo a importancia do traballo en comunidade, compartindo coñecemento en aberto e achegando solucións cando máis se necesitaban. Aínda formando parte dela, sorprendeunos gratamente, e  enorgulleceunos, o traballo desenvolvido e cremos que este modelo veu para quedar, tanto a nivel social, como educativo ou profesional.

A caída dos mitos

Ao longo deste ano fóronse moitos mitos que tiñamos moi asentados na nosa cabeza. No noso caso, como comentamos cando falamos de dixitalización da fabricación dixital, un gran mito era que unha Maker Faire non podía ser doutro xeito que física. Unha vez derrubamos esa barreira mental todo fluíu e a Maker Faire Galicia acabouse celebrando, ofrecendo probablemente os mellores contidos da súa historia. O proceso de dixitalización é imparable en todos os sectores e pódese facer moito máis do que pensamos, simplemente temos que pensar fóra da caixa.

Para 2021, o principal propósito que temos como empresa é ser parte importante dunha remontada que é fundamental para recuperar os niveis de benestar que tiñamos antes desta pandemia, aínda que non fósemos plenamente conscientes nin o valorásemos o suficiente. E ti que propósitos tes para este novo ano? 😉

Leave a Reply