12
Xuñ

Que é e para que serve un moodboard

Esta ferramenta leva moito tempo utilizándose en contornas creativas, pero foi nos últimos anos cando máis se escoitou este termo, debido fundamentalmente á cultura do visual na que estamos instalados e a redes sociais como Instagram ou Pinterest.

Que é un moodboard?

A súa tradución literal é mapa de inspiración e aínda que o seu uso está moi asociado ao ámbito da decoración de interiores ou a moda, realmente utilízase en contornas creativas moi diversas, desde o deseño de produtos ou servizos ao audiovisual ou o deseño gráfico.

O moodboard é unha ferramenta creativa que consiste nunha visualización rápida de imaxes e palabras nun mesmo soporte, a modo de choiva de inputs que nos axuden a preparar o cerebro para a fase de ideación dun proxecto, de aí o de inspiración.

Estas imaxes e palabras poden ser tanto físicas, con recortes de revistas ou páxinas impresas, como en formato dixital. Un exemplo de moodboard dixital moi recoñecible podería ser un muro de Pinterest, onde baixo un tema común se aglutinan imaxes e palabras que nos gustan.

Como se fai un moodboard?

Aínda que cada un pode adaptar a realización do mesmo como se sinta máis cómodo ou como lle resulte máis efectivo, hai uns pasos a ter en conta para sacarlle o máximo rendemento a esta ferramenta:

Poñer un título. Para comezar a visualizar o moodboard é importante poñer un título que nos axude a enfocar.

Definir as palabras clave. Para seguir acoutando máis o contido do noso mapa de inspiración é importante definir palabras clave. Aínda que tamén debemos limitar o número de palabras clave para non perder o foco no que nos interesa, poderiamos falar de entre 3 e 5.

Facer un brainstorming de imaxes. Unha vez temos as palabras clave é o momento de buscar unha gran cantidade de imaxes que nos axuden a visualizalas.

Seleccionar as imaxes. Tras a procura de todas estas imaxes realizaremos un proceso de filtrado para quedarnos coas que máis e mellor se axusten, evitando que se repitan imaxes iguais ou que non acheguen valor.

moodboard coches

Fonte: Deekit

Ter en conta a colocación dos elementos. Unha vez temos as imaxes e as palabras clave, o último paso é colocar os elementos no mesmo soporte cunha orde que nos axude a estruturar a información da mellor maneira posible.

A partir de aquí o seguinte paso é visualizalo e comezar a xerar ideas para o noso proxecto. Esta visualización pode realizarse durante minutos, días, semanas ou mesmo anos, depende do proceso co que cada un@ se sinta máis cómod@.

No seguinte post contarémosvos como podemos utilizar os moodboards dentro da metodoloxía do Design Thinking.

 

Foto de portada de Pinterest.

Leave a Reply

Skip to content