22
Abr

Reactivar a economía tras a crise do COVID-19

A medida que a crise do Covid-19 vai avanzando e afortunadamente tanto España como Europa comezan a dobregar a famosa curva, hai unha pregunta que todo o mundo está a facerse e é como imos saír da futura crise económica?

Para responder a esta pregunta consideramos que hai que ter polo menos dous enfoques, un a nivel de organización individual e outro a nivel de sistema. Hoxe centrarémonos no primeiro deles.

Que podo facer como organización/empresa ou emprendedor/a para saír da crise?

Aínda non sabemos nin a dimensión da mesma nin as regulacións que traerá consigo neste proceso de desescalada, pero si coñecemos algúns factores clave para poñernos a funcionar e recuperar o voo:

Coñecer mellor ao noso/a novo/a usuario/a

En moitos foros fálase dunha nova normalidade (the new normal) que formará parte das nosas vidas a partir de agora, o que fará que os usuarios se comporten dun modo diferente a como o facían ata este momento. Polo tanto teremos que ter unha boa análise  comportamental dos mesmos, entendéndoos mellor que nunca. 

Por exemplo, é moi probable que a seguridade sexa un dos insights que máis peso van ter nas decisións de compra dos usuarios, pero identificar como e por que se percibe esa seguridade é a clave para deseñar o proceso de venda do produto ou servizo.

Potenciar a creatividade

Xa sabemos que é moi típico comentar este factor e máis en tempos de crise, pero o éxito dunha organización no escenario actual está moi relacionado con ver máis alá e ter a capacidade xa non só de resolver problemas senón de adiantarse a eles ou detectar novas oportunidades. Unha técnica de creatividade que nos pode axudar neste sentido é a de visión futura, moi empregada no mundo do deporte e da cal podedes ver un exemplo na película Rush. Desta forma poderemos anticiparnos aos posibles escenarios e expor opcións A, B ou C segundo o caso.

 

Ser máis áxiles e flexibles

Normalmente, cando nunha empresa as cousas van relativamente ben, tendemos a acomodarnos e a entrar en zona de seguridade, establecendo dogmas onde antes había posibilidades ou burocratizando procesos onde antes había axilidade e frescura. Este é o momento de facer todo o contrario, se queremos saír o mellor parados posible desta situación temos que ser máis flexibles e áxiles que nunca, achegándonos a modelos que se saben manexar en situacións de incerteza, como as startups.

Ser máis solidarios e proactivos

Como comentamos en máis dunha ocasión, o traballo en equipo é unha das claves nos procesos de innovación, onde o grao de incerteza é moi alto. Para saír desta crise tamén o vai a ser, necesitamos contar máis que nunca con equipos solidarios, que apaguen o botón do ego e acendan o do grupo, que busquen o ben común antes que o individual e que sexan proactivos na procura de solucións.

Socializar máis que nunca

Aínda que non podamos saír de casa máis que o xusto e necesario e non podamos quedar fisicamente con outros colegas de profesión, o proceso acelerado de transformación dixital que estamos a vivir nos dá a oportunidade de acudir a moitos eventos ou a normalizar quedadas desde o noso sofá. 

Fuente: Wired

Colaborar dun modo máis aberto

É o momento de cooperar e de facelo buscando modelos máis abertos e colaborativos onde todo o mundo gañe, como a co-creación, levando a cabo procesos con todos os axentes da cadea de valor do produto ou servizo. Isto non só nos permitirá chegar antes a máis e mellores solucións, das cales serán co-responsables, se non que vai afianzar as relacións entre os diferentes axentes axudando a establecer novas sinerxias e a fortalecer sectores.

Ademais de todo isto, é moi importante ter de man o sombreiro amarelo e manter a paixón polo que facemos, isto transmítese a toda a organización e é a faísca que acende o motor.

 

 

Fonte foto de portada: Munich business school

Leave a Reply