analogías design thinking
27
Xuñ

Técnicas de creatividade: as analoxías

Seguro que máis dunha vez propuxestes unha nova idea e escoitastes a frase típica de “está todo inventado”. Se vos volve ocorrer, desde designthinking.gal propoñémosvos unha resposta que fará pensar ós vosos amigos “está todo inventado ata que se reinventa”.Está claro que o número de elementos cos que podemos xogar para crear novos conceptos é finito, porén as asociacións entre eles tenden a infinito.

Que son as analoxías?

Hoxe imos falar das analoxías, unha técnica de creatividade que se basea precisamente na asociación de elementos. Analoxía ven do grego αναλογíα (ana “reiteración ou comparación” e logos “estudo”) e segundo a RAE é o razoamento baseado na existencia de atributos semellantes en seres ou cousas diferentes.

Nas analoxías o proceso mental que fai o noso cerebro é extraer un coñecemento familiar da memoria a longo prazo para que nos axude a comprender ou crear algo novo. Segundo estudos experimentais, existen cinco momentos diferentes para chegar a solucionar un problema con esta técnica e son os seguintes:

  • Representación mental do análogo meta ou obxectivo
  • Busca, selección e recuperación de análogos base potencialmente relevantes e familiares
  • Correspondencia entre os compoñentes do problema base e do problema meta segundo características estructurais, superficiais, obxectivos do razoador e esixencias da contorna
  • Adaptación e avaliación das correspondencias realizadas
  • Formulación de deducións sobre o problema

No mundo da innovación hai múltiples exemplos da aplicación desta técnica de creatividade e moitos deles están relacionados coa natureza. Isto deu lugar a unha nova rama da ciencia, o Biomimetismo (imitación da vida). Esta adícase a comprender os principios da natureza para empregalos como inspiración para innovar.

Un exemplo é a folla da planta do Loto, cunha das superficies máis impermeables do mundo vexetal e a partir da cal se desenvolveron tecidos sintéticos impermeables e antiadherentes.

analogías

Fonte: La reserva

Outro exemplo son os traxes de baño de pel de tiburón sintética, que saltaron á fama nos xogos olímpicos de Pekín 2008 debido ás espectaculares marcas conseguidas polos nadadores que os portaban.

analogías

Fonte: Pleco fish

Como se aplican as analoxías?

Para aplicar as analoxías, en primeiro lugar temos que ter un problema ou necesidade que resolver. Polo tanto, a súa aplicación acostuma a facerse despois da fase de definición dentro da metodoloxía do Design Thinking.

Unha vez temos enfocado o problema a resolver, comezamos a buscar solucións empregadas para resolver un problema similar noutros contextos. Imaxinemos que temos que deseñar unha mesa para o salón e detectamos que queremos mellorar a unión entre as patas e o taboleiro. Poderiamos comezar a pensar como se resolven unións elementais semellantes na natureza, na industria, nos xoguetes, nos debuxos, etc. Isto aportaranos un gran número de ideas moi diferentes dun xeito áxil e dirixido.

A sinéctica

A partir das analoxías, xurdiu a finais dos anos 50 a sinéctica, unha técnica de creatividade desenvolta polo inventor e psicólogo William J. J. Gordon. O nome sinéctica é un neoloxismo de raiz grego e foi traducido ao español a partir do termo inglés “synectics” e significa traballando xuntos desde fóra. Esta técnica de creatividade fundaméntase nas analoxías e desenvólvese en base a trato tipos delas, as cales explicamos a continuación.

Analoxía directa. Realizaríase do mesmo xeito que as analoxías que comentamos anteriormente, buscando unha relación de semellanza entre dous elementos diferentes.

Un bo exemplo de analoxía directa é o Nut Hammer fabricado por Menu e deseñado por Roger Arquer:

Analoxía persoal. Este tipo de razoamento permite ás persoas empatizar cos problemas, necesidades, produtos ou servizos formando parte dos mesmos. Unha boa forma de aplicalo é a partir da pregunta “E se eu fose…”. Por exemplo, ante a mesma problemática da unión entre as patas e o taboleiro nunha mesa, nós seriamos esa unión e a partir de ahí poderiamos aportar os nosos valores, virtudes ou pensamentos desde o punto de vista do obxecto.

Analoxía simbólica. Trátase de elixir un símbolo, que pode ser unha imaxe, un son, un obxecto ou unha palabra, que represente a clave ou o insight dun problema dado, establecendo relacións entre as características do símbolo e o problema a solucionar. Esta técnica tamén se pode realizar dun xeito aleatorio, é dicir, ante un problema plantexado, elixir un símbolo ao azar e tratar de buscar relacións para soluciones dito problema. Esta segunda interpretación resulta moi útil para situacións de bloqueo creativo e emprégase moito no ámbito do Storytelling.

Analoxía fantástica. Este tipo de analoxía é a máis empregada nos chamados “visionarios”, os cales ante un problema do noso tempo non se pechan ás solucións posibles de actualidade, senón que buscan outras mellores. Para aplicar esta técnica simplemente temos que liberarnos da nosa parte máis lóxica e plantexar as solucións que máis nos gustarían aínda que a priori non sexan posibles. Un exemplo da aplicación desta técnica é Elon Musk, o fundador de Tesla, o cal ante o problema do tempo no transporte, se plantexou e se houbera un tren que puidese cubrir o traxecto Os Ánxeles-San Francisco en 30 minutos, como sería?

Fonte: 6gbuild

Coma noutras técnicas de creatividade, nas analoxías é moi importante ter a mente aberta a novas formulacións, non coartar ideas e poseer unha gran cantidade de inputs para así ter máis posibilidades de establecer relacións entre eles.

Esperamos que este post abra os ollos ós que pensan que está todo inventdo e axude ós que non o pensan a explorar novas ferramentas para seguir innovando. 😉

 

Imaxe de portada: La mediterránea

2 Responses

  1. Pingback : Técnicas de creatividade: os seis sombreiros para pensar | designthinking.gal

  2. Pingback : Innovar a través do Design Thinking durante a crise do coronavirus | designthinking.gal

Leave a Reply

Skip to content