Taller de design thinking avanzado
16
Mar

Testeo do noso programa avanzado en Design Thinking

Fai dous anos, desde o estudio Vermis Project, tomamos a decisión de dar a coñecer e poñer en valor a metodoloxía coa que levábamos máis de dez anos traballando. Unha metodoloxía que nos axudou a solucionar moitos problemas e a resolver outras tantas necesidades, o pensamento de deseño ou Design Thinking.

Queríamos facelo falando desde a experiencia e potenciando aquelas capacidades que menos se desenvolven no noso sistema educativo e que son a chave para poder abordar con éxito un proceso de deseño, a creatividade e a comunicación. Para isto, tivemos o pracer de contar no equipo con dous grandes profesionais dos que seguimos aprendendo cada día, José Ramón Rodriguez, Psicólogo empresarial e formatecto e Miguel Seoane, Filólogo e xornalista.

Naquel primeiro obradoiro convidamos a un grupo de amig@s de diversos sectores que se caracterizaban polo seu pensamento crítico e por ser referentes nos mesmos, para que testearan unha nova experiencia formativa e nos ofrecesen a súa sincera opinión. Queríamos ser coherentes coa metodoloxía que defendemos e testear o noso produto de innovación educativa antes de sacalo ó mercado. Entre ese grupo de convidados atopábanse Chus Prol e Sara Marsillas, que hoxe en día forman parte de Designthinking.gal como storyteller e psicóloga social respectivamente.

Como en calquera proceso de innovación había moitas cousas que mellorar, pero tanto a valoración dos participantes como a experiencia foi tan boa que decidimos apostar forte por este formato e dalo a coñecer alá onde fósemos.

Desde entón e ata agora, ensinar esta metodoloxía brindounos a posibilidade de viaxar, de coñecer persoas moi interesantes, de vivir grandes experiencias formativas tanto a nivel nacional coma internacional e sobre todo de participar en proxectos que axudaron a innovar e a mellorar a sociedade.

O pasado sábado 12 de marzo celebramos na nosa sede de Santiago de Compostela o segundo aniversario daquel primeiro obradoiro de Design Thinking. Dous anos despois, os mesmos convidados volveron a xuntarse para revivir a experiencia, esta vez testeando o obradoiro de Design Thinking avanzado.

O sol saiu para a ocasión e durante todo o día puidemos desfrutar do entorno natural e único onde temos a sorte de traballar. Compartimos coñecemento, puntos de vista, proxectos, anécdotas e moitas risas noutra xornada que quedará sempre para o recordo. Independentemente do feedback, que volveu a ser positivo por parte de tod@s e nos permitirá seguir mellorando o formato, quédome coa enerxía que transmitiu o grupo, unha enerxía que invadiu o espazo de traballo e a cada un dos participantes.

Esta enerxía, a cal despois de dous anos ainda non sei como definir, é o que lle da sentido á nosa oferta formativa, a que nos carga as pilas en cada obradoiro e o indicador de que este é o camiño correcto.

Gustaríame rematar este post agradecendo a todas as persoas que durante este tempo compartiron esa enerxía con nós, das que aprendemos en cada obradoiro e que fixeron posible que este proxecto siga medrando.


Simplemente Gracias!

Leave a Reply