Viaxe á esencia do Design Thinking: Copenhague e Malmö
Hai unhas semanas en Designthinking.gal tivemos a oportunidade de realizar unha interesantísima viaxe a Copenhague e Malmö xunto cun equipo de Finsa co obxectivo de compartir coñecemento con algúns dos referentes a nivel mundial nisto do Design Thinking e a innovación.
Tras a chegada a Copenhague, a nosa primeira parada sería o Copenhagen Institute of Interaction Design (CIID), unha das escolas de deseño máis prestixiosas a nivel mundial e onde cada ano o 25% dos alumnos son seleccionados por IDEO para realizar prácticas na compañía. Alí reunímonos con Stiven Kerestegian, actual Head of Innovation & Strategy da escola e que previamente traballou en empresas da talla de Kodak, Microsoft ou Lego. Despois dunha interesante reunión onde compartimos algún dos proxectos que estamos a levar a cabo, emprazámonos a un workshop sobre o futuro da cociña que se celebraría na escola e ao cal asistimos como alumnos.
Ao día seguinte, e empatizando coa contorna, alugamos unhas bicicletas e fómonos a descubrir diferentes espazos de uso compartido como Fabriken, Republiken ou Soho, auténticas referencias na xestión de comunidades. Xusto á beira deste último, celebrouse o techfestival, un festival de tecnoloxía onde o menos importante é a propia tecnoloxía. Tanto as charlas ás que acudimos como a cartelería do evento lembráronnos en todo momento que o primeiro son as persoas e que ao desenvolver tecnoloxía temos unha responsabilidade moi grande con elas. Esa responsabilidade ten que ver co UX, pero tamén coa tensión ou a adicción que pode xerar esa tecnoloxía no usuario.
Despois de visitar o techfestival desprazámonos a Malmö, unha pequena cidade ao sur de Suecia que nas últimas décadas sufriu unha gran transformación ao redor da súa universidade. Alí quedamos con David Cuartielles, un dos fundadores do proxecto Arduino, o cal está a democratizar e simplificar o uso da electrónica a nivel mundial. David tamén é profesor na universidade de Malmö, polo que aproveitamos a visita para facer un circuíto pola mesma e aprender máis do seu modelo educativo e de como axudou a transformar á cidade.
En Malmö tamén coñecemos o STPNL, un espazo de coworking que integra un makerspace e unha incubadora de proxectos dentro dun edificio en forma de cuña, onde antigamente se reparaban os barcos (de feito STPNL vén de Stäpelbädden, que significa peirao seco en sueco). Pero STPNL é moito máis que iso, é un axente que conecta e integra á comunidade local e que, como a Universidade, tamén axudou a transformar a cidade. As súas orixes nacen dun grupo de skaters que comezou a utilizar o edificio cando estaba abandonado e a partir de aí empezouse a xerar contido cultural ata chegar ao que é hoxe, un catalizador da creatividade e a innovación en Malmö (este grupo de skaters logrou levar alí o campionato mundial de skate no ano 2016).
Desde Malmö emprendemos viaxe a Älmhult, onde se atopa a sede de IKEA, e onde acudimos para reunirnos co departamento de innovación, ao que recentemente se incorporou Justin Berger, que anteriormente formou parte de Firstbuild, un makerspace creado por General Electric.
Unha vez alí compartimos ideas e visións acerca da innovación co equipo de Justin e vimos en primeira persoa o que alí coñecen como deseño democrático, que ten en conta cinco dimensións á hora de crear novos produtos: a función, a forma, a calidade, o prezo e a sustentabilidade. A continuación puidemos visitar as súas instalacións, terminando coa visita ao mítico museo de Ikea, que está no edificio onde se creou a primeira tenda. Ademais dun percorrido histórico polos produtos da compañía vimos unha exposición titulada IKEA Hacked, onde se mostraba unha selección de produtos de IKEA modificados polos usuarios para crear outros novos.
Despois de coñecer unha parte do proceso de innovación de IKEA por dentro, volvemos a Copenhague para visitar a outra, Space 10, un lab de innovación no que traballan en como será a vida das persoas a 10 ou 20 anos vista. Alí esperábanos Guillaume Charny- Brunet, actual Strategy Director e un dos co-fundadores do espazo, para mostrarnos en detalle como levan a cabo o proceso de innovación e os últimos proxectos que están a desenvolver. Space 10 conta con tres espazos diferenciados, un makerspace no soto, un espazo para eventos na planta baixa e unha zona de oficina na primeira planta. O mantra que lles move é mellorar a maneira na que viven as persoas e facelo dun modo o máis sustentable posible.
Tras a choiva de inputs recibidos durante toda a semana, emprendemos a volta desta viaxe de exploración que, sen dúbida, foi unha das que máis nos achegou a nivel profesional dos últimos anos. Durante a mesma aprendemos de auténticos referentes en Design Thinking e innovación, validamos proxectos que estamos a levar a cabo e sobre todo volvemos verificar unha vez máis que o usuario ten que estar no centro da innovación.