Taller design thinking AEPIT
17
Jul
2015

“A miña experiencia no taller de Design Thinking” por Marta Falcón

Santiago de Compostela, 9 da mañá e un sol de xustiza. E alí estaba eu, preparada e ilusionada a piques de entrar nun taller de Design Thinking ao que, por fin!, ía asistir.

Coñecía os mozos de DesignThinking.gal por Facebook e levaba tempo querendo ir a un dos seus eventos, así que cando me decatei desta nova edición que ían facer, non mo pensei dúas veces.

Sabía que ía aprender cousas útiles e que o ía pasar xenial, pero o certo que é que as miñas expectativas víronse superadas. Pola mañá tocaba un pouco de teoría e pola tarde a parte práctica, así que o día non só pasou voando, senón que puiden coñecer de primeira man distintas formas de enfocar un proxecto a través da metodoloxía do Design Thinking, ademais de coñecer unha chea de persoas estupendas.

Todo o relativo ao Design Thinking sempre me pareceu moi interesante. Por suposto, como deseñadora que son, resúltame moi útil á hora de facer os meus traballos, pero é sorprendente os bos resultados que se poden lograr en proxectos de calquera outra índole. Desde logo, creo que o equipo de DesignThinking.gal soubo darlle o enfoque adecuado, incluíndo técnicas creativas que che axudan a pensar ‘fóra da caixa’ e fusionándoo con ferramentas tan útiles como o storytelling.

O feito de pensar máis aló, para tentar romper un pouco co establecido, non sempre é doado e toda axuda é pouca. Todos tendemos a aplicar demasiado a lóxica, a tentar tirar de ideas do pasado e aínda perduran na nosa mente certos esquemas mentais cos que custa romper. Por iso son tan partidaria deste tipo de técnicas creativas que nos axudan a exercitar o cerebro e a sacar o mellor de nós para lograrmos uns resultados que paguen a pena.

Eu declárome fan do Design Thinking e dos mozos de DesignThinking.gal. Así que, se tes oportunidade de asistir a un dos seus talleres, fai coma min…

 

…e non o penses dúas veces.

Marta Falcón, creadora de Destino Creatividad

Leave a Reply