creatividad viajar neurociencia
2
Nov
2016

Creatividade e viaxar. Neurociencia

Viaxar transforma o noso xeito de ver as cousas

Todo aquel que teña viaxado, sobre todo a países con culturas diferentes, de seguro experimentou esa sensación de cambio case inconsciente que nos fai pensar de novo as cousas e ver dese xeito diferente aquilo que antes era case anecdótico.

Todos observamos ese cambio en amigos e familiares que viaxaron a outros países e voltaron con “algo” distinto que lles fixo máis interesantes, curiosos ou inquedos.

É moi común escoitar aquilo de que viaxar abre a mente e proba disto dérona escritores como Hemingway que se inspiraba coas súas viaxes por España ou como Mark Twain quen falaba das viaxes como: “un exercicio con consecuencias fatais para os prexuízos, a intolerancia e a estreiteza de mente”.

Realizaremos unha serie de post sobre como viaxar modifica o noso cerebro e como todas esas novas experiencias fannos pensar dun xeito diferente e polo tanto máis creativos.

A relación entre viaxar e a creatividade

cultura

Hoxe empezaremos coa investigación levada a cabo por Adam Galinsky. De acordo con Galinsky, profesor na escola de negocios de Columbia e autor de numerosos estudos que conectan a creatividade e viaxar, para el, vivir e adaptarse a novas culturas fomenta a creatividade.

Os seus estudos amosan que vivir unha experiencia e aprendizaxe multicultural mellora:

  • A flexibilidade de ideas e con isto a habilidade para resolver problemas de diferentes maneiras.
  • Incrementar a capacidade de detectar conexións e asociar conceptos: o que con frecuencia definimos como pensamento lateral.
  • Axuda a superar a fixación funcional ou como nos gusta chamala a nós, o namoramento da idea, tan habitual á hora de realizar procesos creativos.

Estes beneficios aparecen só cando viaxar vai acompañado con experiencias multiculturais. É dicir, viaxar e non relacionarse coa contorna e as súas xentes non nos axudará en absoluto. Eu incluso diría que non teríamos desfrutado moito da viaxe, pero iso xa é cousa de gustos, pois as hamacas son moi cómodas 😉

As experiencias multiculturais e a innovación

empresa-creatividad

Nun dos seus últimos estudos para a Academy of Management Journal, Galinsky estudou como as experiencias profesionais en diferentes países están relacionadas coa innovación nas empresas.

Tras realizar un estudo dos proxectos dos últimos 11 anos das empresas de deseño de moda máis importantes do mundo, atoparon unha clara relación entre o tempo no estranxeiro e a cantidade e grao de innovación dos traballos das empresas.  As marcas que tiñan directores creativos con experiencia traballando e vivindo noutros países realizaban proxectos máis disrutivos con regularidade que aqueles que non tiñan esa experiencia.

En resumo, facer amigos, coñecer outras culturas, relixións, novas historias e aventuras son a semente da nosa creatividade.

A creación de novos estímulos fai ó noso cerebro máis activo e reforza as conexións entre as redes neuronais. Ou como diriamos dun xeito máis coloquial, axúdanos a pensar fora da caixa ou “Think outside the box”.

Así que a próxima vez que fagas unha viaxe e queiras sacarlle o máximo partido non dubides en sumerxirte na cultura do país ó que viaxas e interactuar coas súas xentes. Estamos seguros de que desfrutarás máis da túa viaxe e de volta a casa verás todo a través do cristal verde das nosas gafas da creatividade 🙂

Leave a Reply