design thinking gal google campus london
10
Jun
2015

Design Thinking para Startups en Google, Campus London

Cando dicimos que pensar fóra da caixa (to think outside the box) é unha das principais características do Design Thinking non imos de farol. Hai experiencias na vida que che marcan a toma de decisións, que che abren os ollos e che axudan a aprender e a ver as cousas desde outra perspectiva.Unha desas experiencias que che mostran o mundo dunha maneira diferente é viaxar. Cando viaxamos fóra do noso país, a un lugar onde a cultura é diferente á nosa, atopamos que moitas cousas nos sorprenden, e reflexionando un pouco sobre elas entendemos os porqués.

O pasado 18 de maio impartimos un obradoiro nun dos centros de Startups máis importantes de Europa, en Google, no Campus London.

A primeira vista podes pensar que é moi dificil que che acepten o proxecto formativo debido á gran cantidade de oferta que hai para un lugar de referencia como é este. Pero de súpeto recibes un email de Google onde che comentan que a túa proposta lles parece moi interesante, e claro, todas esas suposicións previas caen ó chan.

Con todo este subidón comezas a preparar o obradoiro convencido de que a esixencia vai ser máxima e que tes que dar o mellor de ti. Tratas de enfocar a temática o máximo posible ó perfil de xente que asistirá, para, deste xeito, empatizar con ela o antes posible e facer que todo vaia máis fluído. Organizas o calendario, preparas as cousas e o día D colles o avión cara Londres.

Chegas a Google sen facer ruído e ves que te reciben cun tour polas instalacións e brindándoche todas as facilidades, así que con bo ánimo preparas todo e esperas a chegada dos participantes.

Con puntualidade británica van chegando, preguntan se poden pasar e agardan á hora de inicio. A bote pronto o primeiro que te chama a atención é que hai representados cando menos 10 países nunha mesma aula.

Comezas tranquilo explicando o que se vai facer e como se vai facer, mantés a túa proximidade e algún que outro chiste (sen perder a retranca galega, claro), para así crear un ambiente distendido.

Os participantes comezan a traballar en equipo e observas que existe unha fluidez e facilidade enorme á hora de entenderse, compartir ideas, identificar insights e facer críticas construtivas. Todo isto non deixa de sorprendernos cada vez que acontece, pero se analizamos un pouco as circunstancias atopámonos con que esa multiculturalidade achega unha riqueza de perfís que xeran máis puntos de vista sobre a mesma idea, que todos eles viven en Londres, unha cidade multicultural que te empuxa a facerte entender, escoitar e explicarte o mellor posible e que se está a facer un obradoiro nun dos centros de Startups máis grandes do mundo, polo que, en teoría, as persoas asistentes teñen unha grande inquietude e ganas por aprenderen novas formas de traballar e de mellorar. É aí cando te decatas de como o contorno condiciona a nosa maneira de actuar e de relacionarnos.

O resto do obradoiro transcorre con total normalidade, con preguntas, dúbidas e moi bo humor.

Cando chega a hora de presentar os proxectos realizados en equipo por persoas de diferentes países, que se acaban de coñecer hai escasas horas, atópaste con proxectos dunha creatividade excepcional,  atópaste tamén con que se coordinaron á perfección e que esas persoas se dan as grazas mutuamente polo ben que traballaron xuntas e o moito que aprenderon unhas das outras, pero non só iso, senón que tamén de si mesmos.

Quizais a diferenza máis importante ou destacada con respecto ós obradoiros realizados en España ou Galicia é a facilidade e calidade narrativa á hora de comunicaren o seu traballo. Aquí é cando constatas cousas das que falas moitas veces, como as diferenzas formativas que existen entre diferentes países, nos cales os sistemas educativos traballan moito máis a presentación pública e o storytelling á hora de presentar os proxectos.

Rematamos o obradoiro moi satisfeitos por ver como a mesma metodoloxía aplicada en diferentes situacións e culturas ofrece resultados tan diferentes, tanto no seu proceso e desenvolvemento como na maneira de comunicalo. Isto fala moito da flexibilidade e adaptabilidade do Design Thinking como ferramenta innovadora.

Pero sen dúbida a maior sorpresa veu cando, despois de darlles as grazas a todos os participantes e dar por rematado o obradoiro, todos eles se comezan a achegar e, un por un, comezan a felicitarnos polo gran traballo realizado, polo dinamismo co que se impartiu o obradoiro salientado que fora unha experiencia xenial e que poucas veces asistiran a un obradoiro tan produtivo! Non che queda máis que dar as grazas de novo e despedirte de novo cun gran sorriso na cara.

Podemos dicir logo que, despois de todo, saír do teu contorno e expoñerte a outras situacións, axúdache a ver o verdadeiro valor do que fas. Pero non debemos quedar aí, temos tamén que ter en conta que neste caso foi positivo, pero moitas outras veces estas experiencias poden abrirnos os ollos para ver que o proxecto que estamos desenvolvendo non é tan bo como pensabamos: neste caso é importante manter unha actitude positiva e optimista cando nos enfrontamos a procesos innovadores, pero tamén é importante non namorarnos das nosas ideas e ser críticos con nós mesmos.

Para todo isto: viaxar, compartir, traballar en equipo e, sen dúbida, pensar fóra da caixa, será de grande axuda.

 

Leave a Reply