creatividad
15
Mar
2017

Desmontando os mitos da creatividade

En numerosas contornas atopamos certos estigmas ligados á creatividade e ás persoas creativas. Neste post trataremos de redefinir os conceptos erróneos máis extendidos, e dar solución a algúns deles.

Partiremos tomando as definicións dalgúns dos maiores expoñentes en creatividade de tódolos tempos:

Guildford en 1971 dicía que a creatividade é “a capacidade ou aptitude para xerar alternativas a partir dunha información dada, poñendo énfase na variedade, cantidade e relevancia dos resultados”, na mesma liña De Bono, 1974, a define como “unha aptitude mental e unha técnica de pensamento”.

Mediante estas definicións, Guildford e De Bono deixan claro que a creatividade require aptitude e técnica, é dicir, un condicionante persoal e un elemento ligado ó traballo e ó esforzo. Evidenciado este primeiro punto, trataremos ver aquelas ideas falsas sobre a creatividade.

dalí

Dalí Theatre and Museum. Fonte: Welt

1. Existe unha única creatividade ligada á arte. É habitual atoparmos coa asociación entre arte-creatividade e coa frase “ven dunha familia de artistas”. Estamos neste caso reducindo a creatividade a condicionantes xenéticos ou herdados, que aínda que poden ser mellorados co traballo e coa práctica, constrúense sobre una base xa creada na que non podemos intervir. É dicir, só podemos ser creativos se os nosos antepasados… xa o foron.

A realidade está bastante afastada, como vimos noutros post, podemos dicir que tódalas persoas de base somos creativas pero non de igual xeito, nin no mesmo ámbito, nin na mesma medida. Na infancia, a nosa capacidade de crear, inventar, expresarnos sen límites e buscar novas posibilidades é parte da nosa aprendizaxe. A medida que medramos vese limitada pola sociedade, a educación e o ritmo de vida, reducindo esta capacidade e limitando os camiños ao máis coñecido, previsible e esperado.

A creatividade está ligada a tódalas áreas do saber, pois nelas aparecerán problemas nos que é necesario afrontar un proceso de resolución. Será a nosa capacidade de xerar un gran número de solucións, en diferentes liñas de pensamento, e orixinais a que nos levará á innovación en base a ditos problemas. Podemos dicir, que a creatividade está relacionada coa innovación, polo que se queremos chegar a novas solucións verémonos “na obriga” de aplicar a creatividade.

2. A creatividade non se pode aprender, mellorar ou potenciar. De xeito evidente, se consideramos que a creatividade é unha capacidade innata coa que nacemos, arriscámonos a pensar que non podemos facer nada para mellorala. Se ben é certo que hai persoas con maior facilidade para xerar ideas novas, tod@s somos potencialmente creativ@s. Canto máis practiquemos, máis creativ@s seremos. Distanciámonos xa da idea de que a creatividade vai ligada unicamente coa arte, senón que é unha habilidade mental que, polo tanto, pode ser empregada con diferentes ingredientes, en diferentes ámbitos ou áreas. Como habilidade entrenable que é, existen numerosas técnicas de creatividade, así como autores ou libros, que nos axudan a mellorala. Ademais das técnicas, atopamos outras actividades, como o mindfullness, a actividade física, os xogos mentais… que axudan a pontenciar a creatividad. No noso anterior artigo “Como hackear o noso cerebro” atoparedes algunhas delas. Porén, a mellor actitude que podemos ter é coñecer en que área somos bos e creativos, aquelas nas que desfrutamos, que non necesariamente teñen que coincidir, e practicalo diariamente cunha actitude positiva.

einstein

Einstein. Fonte: Paolo Ruffini

3. As persoas creativas, son rebeldes. A idea clásica que ligaba a creatividade cos artistas como Dalí, Stravinsky ou Einstein, alimentou este concepto. Isto é debido, en parte, á actitude innata das persoas altamente creativas, que teñen a capacidade de cuestionar os estándares, para obter solucións alternativas e diferentes. A súa aproximación ó pensamento diverxente alonxaos do establecido e evidente, entendéndoo pola sociedade como unha rebeldía, que se acentúa máis na etapa infantil e adolescente. Estes feitos traducíanse, en moitos casos, en malos resultados na escola, aínda que tamén foi o que lles permitiu xerar cambios na historia e atopar novos camiños de exploración. Na actualidade os sistemas educativos estanse dando conta do importante que é a creatividade para os problemas do día a día e comezan a incluír contidos no currículo e incluso modifican a súa metodoloxía docente para potenciala (ver o colexio Montserrat de Barcelona). Do mesmo xeito sucede no entorno laboral, onde se inclúen perfís creativos en postos de relevancia, a fin de establecer cambios nos resultados, nos métodos de traballo e incluso na contorna.

4. A creatividade é dependiente da intución e ven de pronto, sen esperala nin traballala. Hai unha crenza sobre que a creatividade ven de pronto, sen unha preparación previa, por intuición e soamente ás persoas creativas. A realidade é que o proceso de creación atende a unha (in)formación previa necesaria, na que debemos preparar o noso cerebro.

“Cando chegue a inspiración que me atope traballando” Picasso

Aplicar técnicas de investigación, recopilar información e crear un entorno propicio favorece o estado creativo. No propio proceso de creación podemos diferenciar dous camiños:

O proceso deliberado, nel traballamos coa nosa memoria, xeramos solucións, filtramos e obtemos feedback para dar lugar a outras solucións; durante o proceso existe un estado de concentración persoal. Neste proceso traballamos principalmente a fluidez, interésanos a cantidade de ideas porque atoparemos algunha que, evolucionando, satisfaga os obxectivos marcados. Poderíamos dicir que é “a creatividade máis técnica”. É o proceso que xeralmente nos ensinan nas escolas, principalmente nas de carácter técnico.

No lado oposto temos o proceso espontáneo, no que trala toma de contacto co problema e información, renunciamos ó proceso consciente, tratamos de “apagar o cerebro” deixándolle traballar na oscuridade ata que nace a idea innovadora, cando menos o esperas. Posteriormente haberá que seguir traballando e evolucionala cara distintos camiños. Neste caso, nace o traballo oculto do noso cerebro, favorecendo as capacidades de flexibilidade e orixinalidade.

En definitiva, a creatividade, independentemente do proceso que sigamos, requiere dunha preparación previa, tanto para que nós tomemos contacto co problema, como para que o noso cerebro recolla a información necesaria para traballar e posteriormente dar as súas solucións. En posteriores post trataremos este tema para entender as diferenzas e o traballo asociado ó cerebro.

inteligencias múltiples

Teoría das intelixencias múltiples. Fonte: Psicología y mente

5. A creatividade está ligada á intelixencia. Os estudos de Getzels e Jackson (1962) analizaban estes dous conceptos, sendo as súas conclusións moi extendidas durante bastante tempo e establecendo unha relación directa entre ambos. No presente existen moitos modelos alonxados deste binomio, como por exemplo, o modelo presentado por Gadner sobre as intelixencias múltiples. Neste modelo amósase que existe unha diversidade de intelixencias e, polo tanto, unha persoa pode ser altamente creativa nalgunha área concreta da súa vida, sen amosar un elevado nivel intelectual xeral.

6. Só o hemisferio dereito se ocupa da creatividade. É común relacionar o hemisferio dereito coa creatividade, pois a el acostuman a asociarse as habilidades máis relacionadas coas artes, coas formas de pensamento diverxente, como a música, a memoria non verbal, a imaxe holística, o proceso paralelo, os modelos xeométricos, etc. O esquerdo, pola contra, asóciase a habilidades que implican máis organización, como a linguaxe, a aritmética, a análise lóxica e sistemática de problemas… pero tamén o pensamento abstracto e a abordaxe das emocións. Como presentamos ata o de agora, o proceso creativo está reforzado coa asimilación de información, polo tanto, ambos hemisferios do cerebro están implicados xa que se activan e desactivan constantemente, ademais do feito de que están físicamente conectados polo corpo caioso, que é o encargado de xerar as conexións e por medio del intercambiar a información de cada un deles. En resumo, necesitamos todo o noso cerebro para traballar a creatividade.

Para rematar, seguindo o noso argumento de que todos somos creativos, presentamos a guía que definiu Csikszentmihalyi en 1997.

Consellos para mellorar a creatividade según Csikszentmihalyi

  • Trata de sorprenderte con algo novo cada día
  • Trata de sorprender cos teus actos a unha persona cada día.
  • Escribe, escribe todos os días o que te sorprendeu e como sorprendiches a outros.
  • Cando algo che pareza interesante, sígueo. Agora coa sociedad hiperconectada e coas redes sociais isto é relativamente sinxelo e aporta moita información.
  • Para manter o pracer por algo, incrementa a súa complexidade. Non nos conformemos co que xa sabemos facer.
  • Date tempo de reflexión e relaxación (xa comentamos no anterior post a importancia da práctica da meditación).
  • Descubre que che gusta e que non na vida, e loita con paixón por iso.
  • Comeza a facer máis o que che gusta, e menos o que non che gusta.
  • Descubre a forma de expresión que te move.
  • Observa os problemas desde todos os puntos de vista posibles e empatiza con todos os implicados neses problemas.
  • Ten tantas ideas como sexa posible, non te autolimites.
  • Trata de producir ideas orixinais, aínda que inicialmente non sexan previsiblemente viables.

 

Referencias:

Alsina, M. Díaz, A.Giráldez, G. Ibarretxe. (2009) 10 ideas clave. el aprendizaje Creativo. Edit. Grao.

Carson. (2016) Tu cerebro creativo. Amat editorial.

J.W., Getzels; P.W. Jackson. (1962) Creativity and intelligence: Explorations with gifted students.(1962). Nueva York, John Wiley.

Gadner. (2011) Inteligencias múltiples, la teoría en la práctica. Paidos Ibérica.

Csikszentmihalyi. (1997) Aprender a Fluir. Kairós.

 

Imaxe de portada: Lo mío es

Leave a Reply