inbound marketing
26
Jul
2017

Inbound marketing: que é e para que serve

Marketing, marketing de guerrilla, content marketing, marketing directo, digital marketing, geomarketing, marketing de resultados… e así poderiamos seguir! Pero hoxe imos centrarnos nun só dos termos relacionados con marketing que máis se está a empregar na actualidade: inbound marketing.

Cal é a orixe do inbound marketing?

Esta estratexia de marketing non é reciente, xa que ten a súa orixe no ano 2007 da man dun dos creadores de Hubspot, un par de anos máis tarde este termo popularizaríase grazas, en parte, á publicación do libro Inbound Marketing: Get Found Using Google, Social Media and Blogs, escrito por Halligan (o mesmo que o orixinou), Dharmesh Shah (outro dos creadores de HubSpot) e David Meerman Scott.

E por que se fala tanto agora do inbound marketing se xa fai 10 anos que existe? Pois por unha sinxela razón: o consumidor.

inbound marketing consumidores

Que é o inbound marketing e para que serve?

O consumidor actual, como xa comentamos noutras ocasións, dista moito do consumidor que coñeciamos fai 10, 20 ou 30 anos. A sociedade cambiou moito e as persoas con ela, non consumimos agora como fai 10 anos e case nos atreveriamos a dicir que non consumimos agora como fai 5 anos.

O inbound marketing nace precisamente por esta variación, para dar resposta ós cambios de comportamento do consumidor. Pasamos dun consumidor ou cliente totalmente pasivo, receptor de información sen posibilidade de reacción, simplemente recibía inputs publicitarios ó longo de todo o día e consumía en función deles, a un consumidor activo.

Unha das características principais daquel consumidor era que permitía as interrupcións publicitarias, é dicir, os anuncios na metade dunha película, o cartel xigante que quita as vistas, e xa máis na actualidade os banners luminosos nas páxinas web. Isto é o que se coñece como marketing de interrupción ou outbound marketing (si, o oposto a inbound marketing, xa te fas unha idea de por onde imos, non?).

O consumidor de hoxe é tan permisivo? Claramente non, e cada vez son máis os consumidores que optan por non visualizar todas esas interrupcións, ben sexa pasándose á tele de pago ben a través de bloqueadores de anuncios na web. Ademais, o consumidor non é un mero receptor de información, pasou de ser un ente pasivo a converterse nun ente totalmente activo, que busca información, compara, ve reviews, escoita opinións e se forma a súa propia antes de realizar a compra. É un consumidor informado e moooooooito máis esixente.

Polo tanto o inbound marketing é unha estratexia de marketing que ten como obxectivo tratar de atraer ó consumidor, “namoralo” na medida do posible e que remate adquirindo os nosos produtos ou servizos de motu propio, porque entre todos, nós fomos os “mellores”. Para iso o inbound marketing baséase en tres estratexias fundamentais: o SEO, o marketing de contidos e por último o Social Media marketing. Estas tres estratexias son complementarias e necesarias para unha boa estratexia global, onde se combinan as accións a estes tres niveis e tamén nas diferentes canles de comunicación da marca para maior efectividade e visibilidade.

Os 4 pasos do inbound marketing

inbound marketing hubspot

Os propios creadores do inbound marketing definen 4 pasos á hora de levala a cabo.

Atraer: como adiantamos, non se trata de forzar ó consumidor a verte, a mercarte… senón de que te elixa porque considerou que eres “o mellor”. Ademais non queremos atraer a calquera…. queremos atraer ó consumidor que realmente nos interesa, o noso target.

Para iso temos que conseguir que o consumidor chegue a nós do xeito máis natural e sinxelo posible. Isto conséguese ofrecendo contido relacionado co que busca o consumidor na web e nas redes sociais, posicionándonos ben nas buscas de Google e relacionándonos coas palabras clave que emprega o noso target. Nesta fase o posicionamento web ou SEO e o SEM serán os pilares fundamentais.

Converter: agora que o consumidor chegou ata nós temos que conseguir que non se quede nunha mera visita, que o consumidor pase á acción. Esta acción pode ser unha compra ou pode darnos algún dato de contacto (un lead) para poder manter unha relación co noso consumidor.

Aquí é importante ofrecer algo ó consumidor a cambio dos seus datos: un ebook, unha ligazón a contido exclusivo ou calquera outro elemento interesante e relacionado co que busca o consumidor.

Pechar: nesta fase o obxectivo é “pechar” esa venta que comezamos na fase anterior, agora que dispoñemos dos seus datos podemos incrementar o interese do usuario enviándolle contido interesante, recordándolle o que estivera mirando para que finalmente faga a compra ou incitándolle á mesma con descontos, promocións, etc. O seguemento e o email marketing son dous grandes aliados nesta fase.

Deleitar: ou como nos gusta máis a nós “namorar”, neste último paso o eixo central é non olvidarse do cliente. Agora que xa mercou ou que xa empregou o noso servizo non hai que descartalo nin perdelo de vista, debemos fidelizalo, tratar de namoralo para que siga con nóis, repita a súa experiencia e incluso se converta nun prescritor da nosa marca. Aquí non só xogaremos co email marketing, tamén coas nosas redes sociais, enquisas de satisfacción, etc.

Os beneficios do inbound marketing

Co comentado ata o de agora queda clara a principal vantaxe do inbound marketing, non? Si, adaptarnos ós nosos consumidor, ó noso target… ás persoas!! Pero non só iso, o inbound marketing ofrécenos moitos outros beneficios:

Coordinación entre as distintas canles de comunicación da marca (off e on) e estratexias de marketing (SEO, SEM…), o que axuda a fomentar a visión estratéxica no equipo e a investir dun xeito eficiente os recursos.

-Esixe un gran coñecemento do teu target a través da realización de perfís previos (un buyer persona ou un perfil de persona por exemplo), o que axudará a captar perfís de clientes reais.

-Xera un maior interese e engagement nos consumidores.

-Contempla e fai énfase na fidelización, promovendo unha boa relación marca-consumidor.

-Incrementa as posibilidades de pechar unha venta.

-E en xeral mellora a imaxe de marca de cara ós consumidores.

Leave a Reply