26
Sep
2017

Que son os insights

Durante os últimos tres anos neste blog falamos de temas moi diversos pero que están relacionados co Design Thinking dun ou doutro xeito. Porén, repasando todos estes post, nos fixamo que aínda non escribiramos ningún sobre o punto máis importante dentro desta metodoloxía, o cal é ó mesmo tempo o concepto máis difícil de implementar polos novatos nisto do Design Thinking, os insights.

Así como as outras partes do proceso enténdense sen dificultade, xa que son moi intuitivas, o concepto insight xera dificultades porque non o é tanto. Se a isto lle sumamos que no castelán non hai unha palabra que o explique completamente, a cousa complícase.

Despois duns cantos obradoiros e consultorías en Design Thinking ás nosas costas, acumulamos un bo número de traducións que, aínda sen explicalo totalmente, axudan a entendelo. Na nosa colección temos desde a elegante vislumbre á sintética clave, pasando polo detectivesco quid, a simple necesidade ou o sempre resultón porqué.

Pero que son realmente os insights?

Desde un punto de vista metodolóxico, os insight son os porqués detrás das necesidades aparentes e, como comentabamos, a día de hoxe aínda non atopamos en castelán unha palabra que explique este concepto na súa globalidade.

Un exemplo que poñemos nos nosos obradoiros e que lle abre os ollos ós asistentes a este concepto é o do apicultor. Cando preguntamos por que un apicultor leva ese traxe tan aparatoso, o 99,9% dos asistentes di que é para que non lle piquen as abellas, pero a verdadeira razón é porque quere coller o mel. Protexerse das picaduras das abellas é unha necesidade aparente mentres que o mel é o insight.

insight design thinking

Fonte: Sipse

Como podemos atopar os insights?

Para chegar ós insights, os cales se sitúan na segunda fase da metodoloxía do Design Thinking, definir, temos que conseguir o maior número de información posible do noso público obxectivo.

Para poder empatizar co usuario da mellor forma posible e conseguir datos relevantes, hai numerosas técnicas que veñen tanto do ámbito da antropoloxía como da psicoloxía. Algunhas delas son as entrevistas en profundidade, o Customer Journey Map, os mapas de empatía, os focus groups, a observación directa ou as enquisas.

customer journey map

Fonte: Javier Megias

Unha vez temos estes datos, realízase unha profunda análise dos mesmos ata chegar ó insight. Na segunda parte deste post desvelaremos como podemos realizar esta análise e por que son tan importantes os insights.

No post anterior falabamos da importancia de empatizar co usuario para conseguir bos datos de cara a obtención dos insights. Durante a análise deses datos é moi importante, en primeiro lugar, organizar a información por lotes directamente relacionados e a continuación sintetizala para que sexa manexable. O seguinte paso é ter unha visión integral da problemática e comezar a buscar a conexión entre eses lotes de información, localizando aquelas claves en común. Por último é necesario preguntar o porque destas claves e axudarnos da nosa intuición para detectar o insight correcto.

Para realizar esta análise de datos podemos axudarnos de ferramentas como os mapas mentais, os cales nos permiten visualizar rapidamente e nun golpe de vista toda a información sintetizada.

Por que son tan importantes os insights?

Os insights detectados permitirannos coñecer a necesidade ou problemática clave sobre a que construír o proxecto e así buscar aquelas solucións diferentes ás habituais. Ó ser un elemento de análise profunda, a innovación que se leva a cabo é moito máis disrutiva e transformadora que a conseguida cando nos baseamos nas necesidades aparentes dos usuarios.

Para visualizar a importancia destes elementos volvemos a recorrer ó exemplo do apicultor que comentabamos anteriormente. Se detectamos que o insight é o mel, entón este plantexamento para abordar a problemática cambia radicalmente e polo tanto as solucións tamén. Unha solución que xurdiu a partir de considerar o mel como insight foi o proxecto Flow Hive, que plantexa extraer o mel do panal sen molestar ás abellas e polo tanto sen a necesidade de utilizar aparatosos traxes. Este proxecto conseguir no ano 2015 unha financiación de 13 millóns de dólares nunha plataforma de crowdfunding.

 

Este é so un exemplo da importancia dos insights, pero hai moitos outros e en ámbitos moi diversos. Unha mostra moi interesante podemos vela nos proxectos da parte de responsabilidade social de Ideo, que se enfocan en solucionar problemáticas en escenarios moi complexos e nos que atopar o insight axeitado é máis definitivo que nunca.

Se vox fixades, neste post non estamos a  falar de nada que non comentaramos antes no noso blog, pero non por isto deixaremos de facelo. As persoas sempre deben estar no centro dos nosos proxectos e canta máis información obteñamos delas e mellor a analicemos, mellores resultados obteremos nos nosos proxectos. Ese é o verdadeiro insight do Design Thinking. 😉

Leave a Reply