Todo el mundo quiere trabajar en google
9
Mar
2016

Por que todo o mundo quere traballar en Google

Todo o mundo quere traballar en Google. Así o manifestan moitas persoas e así se demostra constantemente nos rankings das mellores empresas para traballar do mundo. Google sábeo e por iso busca o benestar nos seus equipos. Fai uns días saía á luz a noticia sobre o estudo que Google levou a cabo nos últimos anos na súa empresa. Referímonos ó Project Aristotle, levado a cabo polo departamento People Operations, con Abeer Dubey (xerente de People Analytics) á cabeza.

Google sempre buscou a excelencia no seu traballo, e por iso puxo tanto empeño en coñecer que equipos son os que mellor funcionarían na súa empresa. Para crear os equipos baseábanse en teorías propias sobre cales serían os mellores, partindo de varios supostos: é necesario ter ás persoas máis preparadas, os equipos deben estar formados por persoas de características persoais similares, os equipos funcionan mellor cando están formados por persoas que son amigos máis aló do traballo, etc.

Como non existían datos nin estudos que demostraran ou refutaran as súas hipóteses propuxeronse facelo eles mesmos e así foi como naceu no ano 2012 o Project Aristotle, formado por un equipo multidisciplinar de estadistas, psicólogos, sociólogos e enxeñeiros da compañía.

Describiron todas as variables que querían estudar (tempo que pasaban os empregados xuntos fóra do entorno laboral, características de persoalidade, tipos de comunicación entre eles…) e observáronas nunha mostra de 180 equipos de traballo repartidos por toda a compañía.

Cando analizaron os datos obtidos sorprendéronse ó non atopar ningún patrón regular entre os equipos, é dicir, equipos moi bos tiñan características individuais opostas ás de outros equipos que tamén eran bos.

É nese preciso instante cando a investigadora Julia Rozovsky e os sociólogos e psicólogos do proxecto puxéronse a analizar as normas e comportamento de grupo. Durante un ano analizaron o comportamento, as normas grupais e as pautas de comunicación entre os compoñentes dos equipos. Tras ese tempo concluiron que o fundamental eran as normas polas que se rexían os grupos: turnos de palabra, xerarquías… e especialmente a seguridade psicolóxica.

Cos achados que obtiveron, especialmente no que respecta ó tema da seguridade psicolóxica, propuxeron a algúns empregados pensar acerca de como se podería mellorar e incrementar ese sentimento nos equipos. Pasaron unha serie de enquisas ós grupos e obtiveron que os máis descontentos percibían que o seu traballo non tiña sentido na empresa, que non podían expresarse con claridade e que non se lles tiña en conta, que se lles cortaba cando falaban, que non podían arriscarse ó expresar unha idea… Do mesmo xeito, aqueles grupos que estaban máis satisfeitos parecían ser aqueles que tiñan relacións de amizade máis aló do traballo, que se respetaban mutuamente ou podían compartir ideas disparatadas sen medo a ser xulgados.

O que Google aprendeu deste proxecto, algo no que facemos moito énfase en DesignThinking.gal, é o poder e a necesidade de desenvolver a empatía, unha boa comunicación e aprender a dar feedback correctamente ós membros do equipo. O fundamental, como queda presente no estudo de Google, non é contar con mentes brillantes, é contar con xente competente que se preocupa polos demais e pensa neles máis que en si mesmos (empatía), que ten boas habilidades de comunicación e de escoita e que demostra ser asertivo, sendo capaz de opinar sobre os demais e dicir o que pensa sen medo ó que poidan decir outras persoas. Seleccionando estas habilidades nos nosos equipos de traballo e promovéndoas entre os compoñentes dos grupos que xa temos non só melloraremos a eficiencia no traballo, o que é máis importante, tamén melloraremos a saúde e o benestar dos traballadores e a súa felicidade verase incrementada 🙂

Foto: oficinas de Google en Londres

Leave a Reply