Transf digital
23
Nov
2016

Transformación dixital e Design Thinking. Redeseñando a experiencia de usuario

A transformación dixital, admitámolo, está de moda. De repente parece que se es unha empresa e non fixeches a transformación dixital, estás acabado e sen futuro algún neste novo mundo dinámico e “dixital”. Pero antes de valorar se isto debe ser tomado en serio ou non, vexamos o que podemos entender por transformación dixital.

Que é a transformación dixital?

google-glass

Google Glasses

Segundo Wikipedia (unha enciclopedia que deu o paso da transformación dixital), é o cambio asociado coa aplicación da tecnoloxía dixital en todos os aspectos da vida das persoas. Quedémonos con este último apunte: persoas.

Poderíamos falar da cultura dixital, facer referencia a especialistas e teóricos como Charlie Gere e falar do impacto que está a ter na sociedade, pero imos ó que nos ocupa agora que é a súa aplicación nas empresas.

As diferentes organizacións falan de big data, cloud systems, Internet of things, super-conectividade e conceptos do estilo para readaptar os seus produtos e servizos ós clientes. Toda esta tecnoloxía está moi ben e debemos aprender a empregala, pero que pasaría se, polo mero feito de que sexa unha moda, ofertamos estas tecnoloxías para cubrir necesidades aparentes, pero obviamos as verdadeiras necesidades dos usuarios dos nosos produtos e servizos?

Poderíamos falar aquí de exemplos de fracasos polémicos como son as Google Glasses. Coma na maioría dos proxectos non existe un só factor que faga un produto ou servizo e neste caso así se demostra, pero podemos falar de dous factores fundamentais: o timing e a análise da experiencia de usuario. Google, pese a ser o grande que é e ter os recursos tanto humanos coma tecnolóxicos que ten, non analizou o suficientemente ben o impacto que o produto e servizo tería na experiencia das persoas e o seu entorno.

Por outro lado, hai datos que precipitan ás empresas a facer esa transformación canto antes e moitas veces de calquera forma. Por exemplo, a IDC International Data Corporation predí que un tercio das empresas líderes de cada sector terá serios problemas debido á transformación dixital dos seus competidores. Entón, como podemos estar un paso por diante neste mercado tan cambiante e volátil?

Aplicación do Design Thinking na transformación dixital

persona-tech

Existen multitude de casos de éxito de empresas que se enfocaron nas persoas e fixeron unha aproximación a través do Design Thinking para realizar a súa transformación dixital. Esta aproximación centrada nas persoas (HCD) permitiu que conectasen cos seus consumidores a través de experiencias duradeiras.

Un claro exemplo de empresa que creou unha experiencia satisfactoria cos seus usuarios é Uber. Usando a súa App podes saber canto tempo tardará en chegar o coche, incluso ver a súa posición en tempo real nun mapa. En países onde a cultura de deixar propina ó taxista é costume, o seu método de pago automático online fai que a decisión de dar ou non propina e incluso canto se debería dar, sexa evitada, a viaxe remata simplemente baixandote do coche e sen ter que nin tocar o teu móbil, o traxecto está pagado automaticamente e a factura no teu email.

Esa análise da experiencia supuxo, en moitos países onde non foi bloqueado por lei, que Uber se impuxera como método de transporte en cidades.

Para deseñar e desenvolver este tipo de servizo o primeiro que temos que saber é o que realmente quere a xente, e aquí voltamos a insistir, non as necesidades aparentes, necesitamos obter os insights que nos axuden a definir o noso servizo e adaptalo a esas necesidades.

Redeseñar o noso produto ou servizo adaptándonos á transformación dixital significa valorar as tecnoloxías máis desexadas, imaxinar de novo o modelo de negocio e os seus procesos e reinventar a experiencia de usuario.

O obxectivo ten que ser crear valor para os usuarios e para a empresa ou organismo. Para isto os usuarios teñen que formar parte do proceso de desenvolvemento, debemos empatizar con eles para adaptarnos ás súas verdadeiras necesidades.

Para isto debemos ter un equipo multidisciplinar no que traballen de forma conxunta desde os equipos de desenvolvemento de software ata os comerciais.

Necesitamos realizar todo o proceso, descubrir os insights, deseñar a experiencia e as interfaces ata testar o produto ou servizo. Para isto o Design Thinking combinado con outras metodoloxías áxiles (como o scrum ou o lean design) será a chave para facer un produto ou servizo que xere valor e beneficio.

Parafraseando a Einstein: existen 3 booms que son un perigo para a sociedade, o boom atómico, o poblacional e o da información.

En designthinking.gal aplicamos a 1ª Lei de Newton (Lei da Inercia) 😉 e aproveitamos a parte positiva de cada unha. No caso que nos ocupa, o boom da información e esta transformación dixital, debemos aproveitala e empregar ou desenvolver ferramentas que melloren os nosos produtos ou servizos e se adapten ás verdadeiras necesidades dos usuarios, e se pode ser beneficioso para a nosa sociedade aínda mellor 🙂

Leave a Reply