6
Feb

O Pensamento Lateral

Dentro dos imprescindibles que deberiamos ler ó longo da nosa vida, tanto en idade temprana como adulto, está El Principito de Antoine de Saint-Exupéry, 1943. Para quenes non o teñan lido (aínda), cóntanos a historia dun aviador que queda perdido no deserto do Sahara onde coñece ao Principito. Dun xeito amable, e certamente filosófico, o Principito fainos reflexionar e axúdanos a cambiar a mirada, cuestionando “o importante” e a lóxica dos adultos. Non queremos facer máis “spoilers” do libro, pero queremos quedar coas seguintes imaxes, ben coñecidas: o sombreiro de vaqueiro/boa que comeu un elefante, e o debuxo do cordeiro que tanto lle solicitaba ao aviador o Principito, que só acerta en canto o cordeiro non se ve e está oculto nunha caixa.

Estes dos escenarios poñen diante dos nosos ollos a dificultade que nos supón pensar nun camiño diferente ao que estamos acostumados e nos ensinaron, é dicir, ó pensamento lóxico vertical. O non é máis lóxico pensar que o primeiro debuxo representa un sombreiro? E como imos representar un cordeiro se non podemos velo? Neste texto de 1943 xa se poñía de manifesto un exemplo literario do Pensamento Lateral.

Seguindo cos exemplos, recordamos estas dúas cadeas que tiveron tanto éxito nas redes sociais, que expuxeron como o pensamento lateral emana de forma natural nos nenos.

Fonte: @nachobbb

Fonte: @madrereciente

É incorrecta a respostas destes nenos? Dende logo, nós non poderiamos dicir que non. Que sucede? Algúns poderían dicir que non atende á “óxica”, e é aí onde reside o pensamento lateral. Cando ante un problema, ben sexa coñecido ou novidoso, somos capaces de apartar a análise lóxica e a visión parcial, nos esforzaremos por obter unha análise completa da situación, sen barreiras polo que “debamos supoñer”, pois é “o normal”. Permitiranos, polo tanto, abrir outros camiños inexplorados. Estamos dacordo que, sen máis información, o seguinte número en cifra ao dez é o 11 e que, ningún dos que lemos o problema vimos saír a ningún perro da caixa. Nos dous casos pensamos alternativas non evidentes ao problema, pensamos lateralmente.

O pensamento lateral foi definido por Edward de Bono en The Use of Lateral Thinking, 1967, como “método de pensamento que nos permite mirar o problema con outra perspectiva e producir ideas que están fóra do patrón de pensamento habitual”. O seu obxectivo é favorecer un proceso para xerar conceptos/ideas mediante un camiño paralelo ao lóxico (pensamento vertical). Céntrase no pensamento diverxento para destruír sistemas tradicionais e así poder construír solucións con camiños menos esperados, afastándonos da nosa zona de confort.

O pensamento lateral conleva unha serie de técnicas que poden ser practicadas para tomar conciencia e experiencia na súa aplicación. Non rexeita o pensamento vertical, senón que o reforza, abrindo un abanico de posibilidades maior.

Como poñer en práctica o Pensamento Lateral

Como xa comentamos, é un método de pensamento, polo que nos expón unha serie de pasos que debemos coñecer e comprender para conseguir resultados innovadores. Porén, a súa esencia promulga unha metodoloxía que permita facer saltos conceptuais no proceso, non seguindo un camiño lineal exclusivamente. Os factores ou elementos que se plantean no proceso de pensamento lateral son os seguintes:

  1. Comprobación de supostos: cando nos enfrontamos a calqueira problema debemos analizar tanto os elementos descritos no mesmo, coma na súa contorna. Coñecer e describir aquelas restricións que nos da o problema (no briefing por exemplo) e aquelas normas escritas ou non escritas que o acompañan.

  2. Facer as preguntas correctas. Unha vez que xa coñecemos os supostos que acompañan o problema, debemos facernos as preguntas. Cando falamos de facer preguntas, temos que plantearnos que, canto máis profundas sexan e afonden nas suposicións realizadas, máis preparados estaremos para a fase creativa. Non é só facer preguntas, é facer as que nos aporten maior información e liñas de pensamento.

    Estes dous primeiros pasos son os que nos sitúan no problema e nos expoñen a información, digamos que nos levan cara o campo do problema, pero agora debemos traballar as solucións.

  3. Técnicas de creatividade. Neste punto o pensamento lateral ofrece unha gran cantidade de técnicas para tranallar que nos sirvan tanto para romper o bloqueo como para desenvolver os nosos conceptos innovadores. Veremos en próximos post, de forma máis extensa, estas técnicas de pensamento lateral. Algunhas delas son: a provocación, alternativas, factores dominantes e factores vinculantes, desafía, inversión… no noso blog xa podedes atopar un post no que se presentan as analoxías como proceso creativo.

  4. O último apartado é o pensamento lóxico. O pensamento lateral, como dixemos, complementa ó vertical, isto é, combina no propio proceso a fase diverxento e a fase converxente de todo o proceso creativo, por iso reserva unha parte importante á selección de ideas e posterior desenvolvemento. Como todo proceso creativo, non é un proceso finito, co que solucionada unha idea podemos volver a aplicar o pensamento lateral.

inicialmente na práctica traballamos cada un destes pasos de forma máis consciente, pero con experiencia, o traballo se fai máis intuitivo e complementario. É por iso que vos animamos a traballar o pensamento lateral e a integralo nas vosas vidas, pois é un bo condutor da innovación.

Para quenes queirades coñecer máis sobre o pensamento latera, Edward de Bono ten unha chea de libros, entre eles:

Bono, E. (1970) Pensamiento Lateral, Manual de creatividad. Barcelona: Paidós.

Bono, E. y Castillo, O. (2016). El pensamiento creativo: el poder del pensamiento lateral para la creación de nuevas ideas. Barcelona: Paidós.

Bono, E. y Ford, M. (2012). Ideas para profesionales que piensan: nuevas consideraciones sobre el pensamiento lateral aplicadas a la empresa. Barcelona: Paidós

Bono, E. (2008) Creatividad: 62 ejercicios para ejercitar la mente. Barcelona: Paidós.

1 Response

  1. Pingback : Ferramentas de pensamento lateral | designthinking.gal

Leave a Reply